
Este sábado 1 de febreiro celebrouse en Rianxo a actividade central dos Actos Castelao 2025, coa tradicional ofrenda floral no busto do ilustre político, escritor e debuxante local situado no Paseo da Ribeira. Foi ás 12.00 horas e contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, do alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, e do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas. Ademais, a agrupación local Fogo Fatuo achegou a vertente musical da homenaxe.
No acto, Blanco reivindicou a súa figura como “patrimonio de todos os galegos e as galegas” e indicou que divulgar o seu legado “é a mellor forma de renderlle homenaxe”. Amais, destacou a súa loita pola democracia e pola procura dunha sociedade máis igualitaria, “reivindicacións que seguen igual de vixentes que hai un século ante discursos negacionistas”, apuntou.
Pedro Branco tamén alertou sobre as ameazas á nosa cultura como pobo e ao noso idioma “polo deixamento das institucións que deben velar por el e que prefiren mirar cara a outro lado”. A este respecto, chamou a ter presente as palabras do político e intelectual rianxeiro, que dicía que “un pobo sen cultura é un pobo escravo”.
Na súa intervención o delegado lembrou que o Goberno “saldou con Castelao parte da enorme débeda que todos mantemos con el” recoñecendo a súa figura dedicándolle a homenaxe ás vítimas da Guerra Civil e da ditadura no ano 2023. “Un home que desde a política e a creación artística e literaria traballou coa mirada no ben común, e por un obxectivo que desde este Goberno compartimos, como é o de mellorar a vida das persoas, de todas”, abundou, engadindo que “o seu legado político e artístico é hoxe patrimonio de Galicia e con este acto de homenaxe non facemos senón agradecer o moito que significou na historia deste pobo, Rianxo; pero tamén do seu pobo con maiúsculas: o galego”.
2025: ano relevante
Este 2025 será un ano relevante para Rianxo e a nosa comarca: cumpriranse 75 anos do pasamento do ilustre rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e dende o Concello levarase a cabo unha programación especial durante todo o ano para conmemorar a efeméride. “Faremos do 2025 o Ano Castelao coa finalidade de celebrar e reivindicar a vida e a obra dunha personalidade irrepetíbel da nosa historia contemporánea e que foi, ademais, o primeiro presidente de Galicia tal e como vén de recoñecer o Parlamento”, destacou a finais de 2024 o rexedor Julián Bustelo ao tempo que adiantou parte do programa de actividades, que se irá enriquecendo co transcurso do ano.
Esta programación botou a andar este mes de decembro, este venres 13, cunha mesa redonda sobre o traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, así como coa apertura da exposición fotográfica Castelao: o retorno a Galicia. 1984. A visión de Rianxo. Organizada en colaboración do Museo de Pontevedra e a Fundación Castelao, a exposición fotográfica púidose visitar ata o 11 de xaneiro. A mostra esta articulada a partir de 52 fotografías realizadas o 28 de xuño de 1984 por Xan Carballa durante os actos desenvolvidos en Santiago con motivo do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.