O PSOE de Rianxo di que o Goberno local “pon en risco a estabilidade económica do Concello”

02 Febreiro 2025

O PSOE de Rianxo, a través do seu voceiro Óscar Rial, emitiu un novo comunicado crítico coa xestión do Goberno local, unha xestión que ao seu parecer “pon en risco a estabilidade económica do Concello”. Din no comunicado que o orzamento municipal para 2024 “aprobouse sen cumprir un dos criterios básicos esixidos pola normativa vixente, xerando unha grave distorsión na xestión económica do Concello, e que terá continuidade en 2025, o que agrava aínda máis a situación”. Recoñecen que a súa preocupación é “máxima”, xa que “estas decisións hipotecan o futuro do municipio e comprometen a viabilidade dos servizos básicos”, sosteñen.

Os socialistas indican no comunicado que o Concello “empregou a liquidez das contas municipais para financiar as obras do Pazo de Martelo”, a Biblioteca Municipal, “non utilizando o préstamo solicitado , postergando o pago de intereses que, tarde ou cedo, deberán afrontarse; e esta manobra, lonxe de responder a unha planificación responsábel, obedece a un criterio partidista e non ao interese xeral de Rianxo”, manifestan.

Para os socialistas, “esta acción, ao igual que o infra-financiamento da partida de iluminación (-250.000€), ou a eliminación do pago pola non aplicación do IVE á empresa que xestiona o servizo de abastecemento e saneamento en Rianxo (-300.000€), non fai máis que hipotecar o futuro de Rianxo, aspecto que Julián Bustelo non quere afrontar, acción ademais que derivan da súa propia decisión de Goberno”, sinalan, engadindo que “a aprobación destes orzamentos revela un preocupante infra-financiamento de servizos, como a subministración eléctrica, o mantemento de centros educativos, parques e xardíns ou a rede de saneamento”. Apuntan que “en cada un destes apartados, as importes asignados non garanten a sustentabilidade e continuidade dos servizos municipais”.

Porén, para os socialistas resulta “máis grave aínda” a “decisión do Goberno local de destinar subvencións a financiar gastos estruturais , coma se fosen ingresos garantidos”. Neste punto, pregúntanse o que acontecerá “se unha destas axudas non é concedida ou cambia a súa finalidade”.

Lembran no comunicado que o Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLHL) , establece no seu artigo 165 que os orzamentos deben contemplar créditos adecuados e suficientes para atender as obrigas do exercicio. Ademais, o artigo 173 recalca que os ingresos deben ser reais e suficientes para garantir a estabilidade financeira do Concello. “Desde o PSOE de Rianxo esiximos responsabilidade na xestión económica e pedimos unha reunión co alcalde para analizar a situación e propoñer uns orzamentos realistas. Non podemos permitir que a improvisación e a falta de rigor económico sigan hipotecando o futuro do municipio”, conclúen.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.