O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organizou o seu terceiro encontro aberto para a creación dunha comunidade enerxética, desta vez impulsado polo interese da Comunidade de Montes de Baroña, en Porto do Son. O evento, enmarcado na acción 1 do Laboratorio, contou coa coordinación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do CISPAC e do grupo de investigación Histagra, en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).

A reunión celebrouse no local da Comunidade de Montes e foi dinamizada por Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante do OEGA. Durante o encontro, analizáronse os factores clave para a posta en marcha dunha comunidade enerxética: dispoñibilidade de recursos naturais, acceso a tecnoloxía adecuada, implicación cidadá e un marco regulador favorable. Simón destacou o gran potencial da comarca para desenvolver proxectos de enerxía solar comunitaria: “O sol é noso, é de todos. O importante é saber se temos recursos, e si que os temos. En Baroña pódese producir máis enerxía da que se consume, baseándonos nos datos de 2019”.
A iniciativa promove un modelo de autoconsumo colectivo, permitindo que os veciños compartan enerxía renovable e reduzan os seus custos enerxéticos. Ademais, contempla unha xestión comunitaria na que os excedentes de enerxía xerada poderían traducirse en compensacións económicas: “Cando a produción de enerxía sexa superior ao consumo, non pagaremos nada pola electricidade. Ademais, polo excedente vertido á rede, cada persoa usuaria recibirá unha compensación na súa factura. No caso de que a autoprodución non cubra o consumo necesario, seguiremos conectados á rede para garantir o subministro enerxético”.
Desde o punto de vista técnico e económico, destacouse a viabilidade do proxecto. A instalación de paneis solares nos tellados preséntase como unha solución máis eficiente e sustentable que a utilización de terreos cultivables. En Porto do Son existen arredor de 12 hectáreas de tellados con boa orientación e sen afección patrimonial. “A pequena escala, as placas solares son máis accesibles que outro tipo de instalacións. É unha oportunidade para o rural galego”, asegurou Simón.
Máis de 80 persoas asistiron ao encontro, demostrando o crecente interese na comarca. Simón subliñou a importancia de dimensionar correctamente a instalación e recomendou comezar con proxectos de pequena escala para fomentar unha nova mentalidade de consumo enerxético: “O noso forte será ao mediodía. Temos que cambiar a mentalidade e consumir máis cando hai máis sol”.
A colaboración comunitaria ofrece vantaxes económicas significativas. Compartir investimentos en inversores e outros equipos permite un aforro substancial na factura da luz, especialmente cando se integran diferentes perfís de consumo. Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, destacou que “Non hai que facer ningunha obra na casa, nin cambiar de empresa comercializadora. O reto é adaptarse a unha nova mentalidade, aproveitando as horas de máis sol para optimizar o consumo enerxético”.
Actualmente, en Galicia existen poucas comunidades enerxéticas rurais, e no Barbanza hai varias en proceso de creación. Se se materializa, Baroña podería converterse na primeira da comarca. Unha comunidade enerxética rural é unha entidade local que produce, consume e comparte enerxía renovable de forma colaborativa, reducindo a dependencia das enerxías fósiles, aforrando, combatendo o cambio climático e promovendo a economía local e a participación cidadá.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza continuará ofrecendo apoio técnico e asesoramento gratuíto ás persoas interesadas en participar nesta innovadora iniciativa. Nos vindeiros meses, espérase avanzar na conformación da comunidade enerxética rural, promovendo un modelo sostible e participativo que contribúa ao desenvolvemento económico e social do Barbanza.




