
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un punto de vertido de augas residuais urbanas no concello coruñés de Noia. O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo hidráulico iniciou as actuacións no marco dos labores rutineiros de inspección na rede fluvial do municipio.
O episodio producíase na parroquia de Noia, cara á marxe dereita do río Vilacoba, como consecuencia da rotura da soleira dun pozo de rexistro da rede de saneamento.
O persoal de Augas de Galicia instou ao titular da instalación a adoptar as medidas necesarias para corrixir a situación e, en inspeccións posteriores xiradas á zona, comprobou que foran realizadas actuacións co obxectivo de poñer fin aos aportes irregulares ao dominio público hidráulico. De feito, o vertido emendouse tralas obras realizadas polo concello para reparar o colector.



