O Concello de Noia presentou as actividades do programa Semana Saudable, que se desenvolve entre o 24 e o 28 de febreiro, e que reivindicará os produtos tradicionais galegos como indispensábeis para garantir unha dieta nutritiva, poñendo o foco nas novas xeracións. A través deste programa todos os centros educativos que imparten infantil e primaria no concello de Noia, xunto coas asociacións Misela e A Creba, gozarán dunha semana dedicada a descubrir os queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP), a través da campaña dos produtores da nosa terra Saberes e Sabores de Galicia. Trátase dunha iniciativa promovida pola Concellería de Educación do Concello de Noia, liderada por Iván Lorenzo, para achegar á mocidade a riqueza dos nosos produtos tradicionais. Participan os seguintes centros educativos e entidades inclusivas: CEIP Felipe de Castro, Colexio Jaime Balmes, CEIP A. Rodríguez Cadarso, Colexio Jesuitinas Noia – Maria Assumpta, Asociación Misela e A Creba Saúde Mental.




