
UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, fixo balance dos recursos recentemente despregados no concello de Porto do Son para mellorar o subministro eléctrico. En detalle, investiu máis de 220.000 euros para a mellora o servizo na parroquia de Baroña. A compañía construíu no lugar de Abuín unha liña de media tensión subterránea de 613 metros con orixe nun novo apoio e final nun novo centro de transformación, así como dúas novas liñas de saída en baixa tensión. Así mesmo, adecuáronse a rede de baixa tensión existente na zona.
A compañía inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais, contribuíndo “así ao desenvolvemento económico destes territorios e á mellora das súas condicións de vida”, explicaron fontes da empresa.
Para o delegado de UFD na provincia da Coruña, Emilio Castro, “o investimento realizado é unha proba máis do compromiso desta compañía co desenvolvemento enerxético de Porto do Son, xa que as actuacións realizadas aumentarán a capacidade da rede de distribución na parroquia de Baroña, ademais de mellorar a fiabilidade do subministro eléctrico e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia en Abuín.”
UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña máis de 23.000 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 10.300 centros de transformación e dá servizo a máis de 715.000 puntos de subministración. En Galicia, achega servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministro en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de 60.300 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión.
A distribuidora eléctrica investiu 222 millóns en 2023 na dixitalización e mellora das súas máis de 60.000 quilómetros de rede en Galicia, o que supón un incremento do 60% con respecto ao ano anterior.



