
O Hospital do Barbanza vén de incorporar a tecnoloxía necesaria para realizar a análise de PCR para virus respiratorios (Gripe A e B, virus respiratorio sincitial e SARS-CoV-2) no servizo de Urxencias. O analizador está situado no laboratorio de Análises Clínicas.
Segundo explicou a Área Sanitaria de Santiago e O Barbanza, este importante avance chegou “xusto o pasado mes de decembro, a tempo para o inicio da época de maior transmisión de infeccións respiratorias, fortalecendo e axilizando de xeito notábel a capacidade diagnóstica en momentos clave”.
Para quen non o saiba PCR permite obter resultados en menos de 1 hora mediante unha proba sensíbel e específica, “o que representa unha mellora significativa en termos de rapidez e precisión posto que se evita o envío de mostras ata o Hospital Clínico Universitario de Santiago”, sinalou a Área, engadindo que esta incorporación achega importantes beneficios para pacientes e profesionais:
-Maior axilidade no diagnóstico: os resultados rápidos permiten identificar de xeito máis eficiente a necesidade de illamento en pacientes con patoloxías respiratorias contaxiosas.
-Maior seguridade: a detección temperá axuda a protexer tanto aos pacientes hospitalizados como ao persoal sanitario, ao propiciar un illamento precoz e axeitado.
-Mellor fluxo de hospitalización: os pacientes con solicitude de ingreso soben antes á planta, o que reduce a presión en urxencias.
-Inicio temperán de tratamentos eficaces: unha intervención máis rápida pode diminuír a estadía hospitalaria e mellorar os resultados clínicos.
-Xestión optimizada de camas: ao axilizar os fluxos, mellóranse os recursos dispoñíbeis para atender a máis pacientes.
Así, dende o 5 de decembro do 2024, realízanse as determinacións de diagnóstico rápido dos 4 virus respiratorios máis frecuentes ( Gripe A , Gripe B, virus respiratorio sincitial (VRS) e SARS-Cov-2 (COVID) mediante PCR no propio hospital da Barbanza. O analizador realiza as determinacións en 40 minutos e ten unha conexión remota co servizo de Microbioloxía do Clínico, o microbiólogo de garda valida estas probas de PCR. Desde o 5/12/2024 ao 14/01/2025 analizáronse 222 mostras, resultando 34 positivos (15%).