O alcalde, Julián Bustelo, novo presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa (formada polos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira) será o encargado de presentar a nova campaña da entidade supramunicipal na próxima Feira Internacional de Turismo FITUR 2025 nun acto previsto para o vindeiro o 23 de xaneiro, ás 18:00.

A campaña Barbanza Arousa, siempre querremos volver reflicte a esencia do noso territorio como destino turístico familiar e tranquilo os 365 días do ano. A través dun novo anuncio audiovisual, convidamos a descubrir a comarca desde os ollos dunha parella que elixe o Barbanza para pasar uns días de descanso.
O audiovisual que presentará Barbanza Arousa é un extracto dunha curtametraxe, Siempre querremos volver, que será estreada a posteriori. Segundo avanzan os catro concellos, “esta produción audiovisual vén dar apoio á personalidade do propio destino que recolle todas as características necesarias para ofrecer unha desconexión da rutina tan necesaria nos nosos tempos”. Preséntase polo tanto Barbanza Arousa como un destino “no que a paisaxe, a tranquilidade, a historia do territorio e as posibilidades que ofrece poden ser desfrutadas en calquera momento do ano”.
Julián Bustelo, elixido presidente da Mancomunidade a pasada semana no pleno da entidade, destacou a importancia de FITUR “para posicionar o noso territorio no mercado global, atraendo visitantes interesados en experiencias auténticas e sostíbeis”.
Por certo que nesta nova edición de FITUR, a Mancomunidade Barbanza Arousa, recollerá o distintivo de Destino Turístico Intelixente outorgado por SEGITTUR nun acto que previsto para o xoves 23 ás 16:45h no auditorio de FITUR Know-How & Export.
A axenda de participación na feira completarase con reunións de traballo con touroperadores e axentes dixitalizadores para coñecer de primeira man as novidades do sector. A nivel promocional, un ano máis, a presenza da mancomunidade en FITUR refórzase coa colocación dun tótem publicitario nunha das entradas aos pavillóns expositivos, que todos os anos anteriores ofreceu un feed back extraordinario de visitas á web de Barbanza Arousa.