Este xoves 16 de xaneiro celebrouse o pleno da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, integrada polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. A sesión celebrouse na Sala de Xuntas do Concello de Boiro e no seu transcurso formalizouse o cambio de presidencia e traspaso de poderes, dentro da súa orde do día. Este troco prodúcese de forma anual e, para o ano 2025 é a quenda de Julián Bustelo Abuín, alcalde de Rianxo, que recolle a testemuña de Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, e estréase como presidente da entidade.

Durante a sesión plenaria, ambos os alcaldes destacaron a boa sintonía e colaboración que existe entre os catro concellos da Mancomunidade para levar a cabo a estratexia do destino turístico. “Esta estratexia”, sinalaron, “seguirá a liña que xa se viña traballando, baseada na ría de Arousa e a serra do Barbanza como eixos diferenciadores e co Camiño de Santiago por terra e por mar como produtos principais”.
Indicaron tamén que este ano abórdase a execución do Plan de Sustentabilidade Turística dotado con 1,5 millóns de euros, o que suporá “un antes e un despois para o territorio”, e o fin da execución do financiamento concedido para Destinos Turísticos Intelixentes. Ademais, sinalaron que a achega dos fondos Next Generation ao ecosistema turístico da comarca implicará “a posta en valor da enogastronomía local e tamén da súa historia pesqueira, de salgadura, conserveira e vinícola que forxou unha identidade propia do destino”.
Ao abeiro desta estratexia destacaron actuacións como a creación do Museo da Conserva e da Salgadura, a inmersión no Barrio dos Cataláns así como experiencias no traballo nas adegas e conserveiras actuais e a degustación de produtos de primeira calidade que “buscan xerar a emoción no visitante, proxectos que xa se atopan en fase de licitación”.
Continuarase, así mesmo, potenciando a colaboración público-privada e o traballo co sector, proseguindo este ano coa implantación do selo de calidade turística SICTED, que entra no seu terceiro ano de implantación e para o que está aberto o prazo a novas adhesións ata o 31 de xaneiro.
A primeira gran cita deste ano será a presenza de Barbanza Arousa en FITUR a vindeira semana.
