O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Néstor Rego, rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado dirixidas a que o Goberno axilice a tramitación para autorizar a reversión dos terreos portuarios, que a día de hoxe xa non teñen ese uso, para que os concellos como Rianxo, Ribeira ou Porto do Son “poidan asumir a súa titularidade e xestión”. Néstor Rego salientou a necesidade de que se leve a cabo este trámite “coa maior brevidade” e “evitar que os concellos asuman os custos de mantemento das zonas propiedade de Portos de Galiza e o pagamento de taxas”.

Rego criticou que “un ano despois do anuncio, por parte da Consellería do Mar, de que iniciaba os trámites para que un total de 450 000 metros cadrados de solo propiedade da Xunta sitos en dominio público marítimo revertan aos concellos, o trámite continúa no mesmo punto morto”. Tamén lembrou que concellos como Porto do Son, Rianxo e Ribeira –que levan anos reclamando a Portos que se lles cedan determinados terreos que xa non teñen uso portuario- continúan a “asumir os custos do mantemento das zonas propiedade de Portos de Galiza e o pagamento de taxas”. Rego recordou que “para esta cesión é preciso contar co visto e prace do Goberno do Estado con vistas a proceder a reverter os citados terreos aos concellos, por situarse en dominio público marítimo terrestre; é a Administración Xeral a que ten a capacidade para autorizar a reversión mais tamén a facultade de decidir que permanezan adscritos ao Estado como dominio público marítimo terrestre”.
“O Goberno do Estado, de recibir a comunicación da Xunta en que propón a reversión destes terreos, debe axilizar a tramitación o máximo posíbel e resolvela coa maior brevidade para que os concellos poidan xestionar estes terreos dunha vez por todas” reclama Néstor Rego.
Os concellos do Barbanza e a súa xusta demanda
Rego fixo saber que no caso do concello de Ribeira, a Administración local leva moito tempo negociando a recuperación destas parcelas, na súa maioría localizadas en zonas estratéxicas, e reclamando a súa cesión, como é o caso das avenidas do Malecón e das Carolinas que suman unha superficie de 55.384 m2 e abranguen a práctica totalidade da fachada marítima urbana.
Por outra parte, en Porto do Son cabe destacar que parte da praza do Curro de Portosín pertence a Portos, dándose a circunstancia de que unha parte das terrazas pagan as taxas á Xunta e outras ao concello. Tamén se teñen reclamado que pasen a mans municipais unha zona que rodea o parque infantil así como o espigón e parte dunha axardinada na praia do Cruceiro.
En Rianxo a situación é semellante, sinalou Rego, engadindo que “o Concello ten reclamado a Portos a vía da fachada portuaria que vai desde o peirao de Setefogas até a praza da Manuela, así como unha pequena vía interior de servizo e as zonas do paseo marítimo en que sitúan as terrazas, así como a zona peonil diante da casa de Rafael Dieste”. Así mesmo, reclamábase a cesión da explanada a carón do Auditorio Municipal.
