A Deputación impulsa o comercio e a hostalaría local con preto de medio millón de euros (e con apoios ás patronais de Boiro, Noia, Portosín, A Pobra e Rianxo)

23 Xaneiro 2025

A Deputación da Coruña financia con 465.152 euros as actividades de promoción económica impulsadas por asociacións empresariais, de comerciantes e hostalaría en 37 concellos coruñeses.

A institución provincial vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional das subvencións para o financiamento de 37 programas e actividades, con axudas que oscilan entre os 3.000 e os 21.000 euros e que e buscan dinamizar o comercio e a hostalaría local, así como promover actividades de interese turístico e económico en toda a provincia.

Na listaxe de entidades que recibirán estas axudas figuran varias da nosa comarca, como por exemplo a ABE de Boiro, que recibe unha subvención de 21.000 euros para actividades de promoción e dinamización comercial; ou Noia Histórica, que será obxecto dunha subvención de 9.120 euros para o seu proxecto de dinamización económica local. A Deputación tamén apoiará con 21.000 euros á Asociación de Empresarios da Pobra, con vistas a sufragar a realización de eventos innovadores destinados a impulsar o tecido comercial da vila e do concello; á Asociación de Empresarios de Portosín con 3.380 euros para a súa Campaña Merca Portosín 2024; ou á Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) con 14.750 euros para as súas actividades de impulso empresarial e comercial.

Entre os beneficiarios destas axudas tamén destacan asociacións de comerciantes de municipios como Ferrol, Arteixo, Santiago de Compostela, Carballo ou Betanzos, que desenvolverán campañas de dinamización, promoción e fidelización dos seus clientes. Ademais, tamén se inclúen eventos singulares como Exporpymes, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña co obxectivo de promocionar os produtos galegos en máis de 20 países; a tradicional Festa do Viño de Ulla, que cada ano reúne a miles de persoas en San Miguel de Sarandón (Vedra), ou a feira de vehículos de ocasión Berocasión de Bergantiños.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que estas subvencións “reforzan o noso compromiso co tecido económico local, cos pequenos empresarios e comerciantes, claves para xerar emprego, dinamizar os nosos núcleos urbanos e potenciar os produtos e servizos de calidade da provincia”.

Os proxectos subvencionados abranguen tamén accións como feiras de artesanía, seminarios e xornadas que fomentan a economía local.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...