
Manuel Seijas da Marea de Noia e Francisco Pérez do Partido Socialista veñen de anunciar que presentaron recurso ante Xulgado do Contencioso Administrativo contra a aprobación final do Orzamento local relativo ao ano 2024. Segundo o voceiro do PSdG -PSOE de Noia “estamos ante unha irregularidade manifesta que non podemos deixar pasar por alto, hai que cumprir a lei”. Pola súa banda, Seijas insistiu en que “o documento non cumpre coa legalidade, témolo tan claro que por iso decidimos emprender accións legais”.
No recurso solicitase como medida cautelar a paralización do Orzamento, segundo Francisco Pérez , debido, explica, á “dinámica do actual Goberno que consisten en dotar de crédito suficiente para pagar as facturas das que non dispoñen de crédito e iso fai que o Concello non cumpra coas obrigas económicas”.
Seijas insiste en que “non podemos amparar máis irregularidades na xestión, dende agora cada acción terá unha resposta contundente, iso teno que ter claro Santiago Freire e o seu equipo”.
Ambos grupos coinciden en afirmar que “o Orzamento é irregular e non cumpre cos compromisos de gastos que adquiriu o pleno, e polo tanto non pode estar en vigor durante máis tempo, porque de non responder as obrigas contables o Concello debería asumir unha débeda importante”.
Os representantes das dúas agrupacións engaden que “o Orzamento do ano 2024 aprobouse de xeito definitivo no mes de novembro, cun período moi curto de execución e non cumprindo coa boa praxe orzamentaria; foi rexeitada a súa aprobación definitiva no pleno e o alcalde someteuno á cuestión de confianza”.



