Un ano máis, a asociación da nosa comarca Amicos conmemorou ao grande e en clave festiva (e reivindicativa) o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co seu tradicional Festiritititi. Así, a mañá deste martes, 3 de decembro, o Pavillón de Barraña de Boiro acolleu a sétima edición deste gran festival da inclusión a través do xogo. O evento reuniu a máis de 1200 escolares e profesores dun total de 21 centros educativos de Barbanza e da contorna. A festa incluíu xogos inclusivos, animación, obradoiros e moita música que non se quixeron perder a propia presidenta da asociación, Esther Vidal, e representantes institucionais como a subdelegada do Goberno central na Coruña, María Rivas, Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, Raúl Treus, concelleiro boirense de Política Social, e Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais da conserveira local JEALSA (principal empresa colaboradora).

Segundo informou a organización, “o festival da inclusión organizado pola asociación Amicos en Boiro asentouse definitivamente como referente integrador na zona do Barbanza nesta sétima edición, unha convocatoria que acadou o seu récord de participación, e rompeu os números acadados na pasada edición”.
A xornada comezou sobre as 11.00 horas coa chegada ao Pavillón de Barraña dos alumnos e profesores dos 21 centros educativos que acompañaron aos integrantes da familia Amicos, tanto persoas con discapacidade intelectual como membros do equipo da entidade, nesta celebración. Así, participaron centros de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Lousame, Padrón e Dodro.
Mariana e Carolina foron as encargadas de dar a benvida aos nenos e nenas, nunha presentación na que estiveron acompañados por Pilar Sampedro, responsábel de centros. A continuación, comezou unha festa que contou con moitas actividades lúdicas de xogo inclusivo como o tres en raia, o rompetestas, o círculo mortal, a escaleira ao arco da vella… así como obradoiros de purpurina, creación de chaveiros, creación de figuras con globos, baile, expresión a través da arte ou de tatuaxes; e espectáculos. Todo conducido polas persoas con discapacidade de Amicos.

Asemade, a festa estivo encabezada por un verme xigante formado por globos e foi amenizada polo DJ Suso Jalaiko, que foi o encargado de poñer música ao evento. Así como animación para recibir e despedir aos nenos e nenas.
Tampouco se perderon esta festa, que busca celebrar a diversidade e promover a integración das persoas con discapacidade, a concelleira de Educación e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla, as de Servizos Sociais e Xuventude de Lousame e Padrón, Silvia Agrafojo e Mariló Saco; así como o presidente e a coordinadora de Cruz Vermella Boiro, Julio García e Natalia Romero.
Igualmente, asistiron membros de AGADEA, e representantes de asociacións e partidos políticos locais. Todos eles animáronse a participar no gran xogo central, o Verme tolo, no que cada un dos catro equipos tiveron que formar parte dun verme xigante formado por eles e por globos.
Esther Vidal, presidenta de Amicos, quixo destacar que “hoxe é un día moi importante para Amicos, posto que celebramos o Día da Discapacidade. Levamos seis anos co Festiritititi e hoxe emocioneime ao entrar pola porta porque vemos que cada vez somos máis persoas. Hoxe fomos máis de 1300 persoas, entre persoas con discapacidade e cativos, e é moi importante que os pequenos vexan que as persoas con discapacidade poden integrarse e ser felices, mediante unha integración real, que é o que se ve aquí”.

Tamén tivo unhas palabras de agradecemento para “as persoas, empresas, institucións, voluntarios e todos os que fixeron posíbel que o Festiritititi sexa un éxito”.
Na cita interviñeron a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, e máis o alcalde boirense José Ramón Romero, que se sumaron ao chamamento de Amicos a prol da integración plena e reivindicaron a necesidade de visualizar o día a día das persoas con diversidades funcionais.
O rexedor comezou as súas palabras dando as grazas “a Amicos por convidarme a esta festa na que participan unha vintena de colexios da comarca de Barbanza e arredores. Para min, como alcalde, é un orgullo ver este pavillón ateigado de rapazada e quero dar os parabéns á entidade por este tipo de eventos apoiados na idea da integración, coa participación de máis de ceno cincuenta persoas con discapacidade intelectual“.
Pola súa banda, Begoña Abeijón incidiu en que “é un autentico pracer estar no Festiritititi un ano máis, que con esta sétima edición demostra que chegou para quedarse, e dende a Xunta de Galicia alegrámonos porque pensamos que iniciativas coma esta son fundamentais para dar visibilidade. Cremos que para construír unha sociedade xusta e inclusiva é fundamental inculcar certos valores dende a infancia, e hoxe temos aquí un exemplo perfecto desas accións que hai que promover. O Día das Persoas con Discapacidade non debe quedarse só nun día no calendario, tódolos días temos que ter ese compromiso con elas, e por iso impulsamos cada vez máis programas, axudas, centros… E así o entende tamén Amicos, que fai un labor crucial no Barbanza a favor das persoas con discapacidade, por iso sempre apoiaremos a súa acción diaria”.
Na festa tamén interveu a subdelegada do Goberno central na Coruña, María Rivas, que quixo “felicitar a Amicos pola celebración deste encontro que reúne a máis de mil rapaces e rapazas da contorna e, sobre todo, hoxe é un día de poñer en valor. Neste Día Internacional das Persoas con Discapacidade é necesario mostrar a importancia que teñen as entidades que, como Amicos, traballan con persoas con discapacidade e, sobre todo, coas súas familias”.

Outra das asistentes foi, un ano máis, Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA, quen quixo enxalzar o traballo de Amicos e da súa comunidade a prol da inclusión social e da construción dunha sociedade cen por cen igualitaria. E engadiu: “Estamos felices de estar na sétima edición do Festiritititi, e a verdade é que é un fito contar con vinte colexios, con nenos e nenas de toda a comarca que veñen a desfrutar do festival con toda a ilusión, que o que busca é achegar á xuventude a importancia de ser unha sociedade inclusiva para todos e todas”.
Hermo destacou que “nestes sete anos foron máis de setenta colexios os que a participaron e preto de 6000 nenos, e queremos pensar que eses rapaces e rapazas levaron esta mensaxe de inclusión ás súas familias, aos seus amigos, e que xuntos, Amicos e JEALSA, a través do noso programa de RSC We Sea, estamos contribuíndo a crear unha sociedade para todos e todas. Tamén queremos agradecer á comunidade educativa e aos Concellos que posibilitan que o Festirititititi medre ano a ano, porque a inclusión é un labor de todos/as”.
O Festiritititi 2024 foi posíbel grazas ao financiamento de Grupo JEALSA a través do seu programa We Sea, así como da colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Grupo Nosa, Fesba e McDonald’s Rías Baixas; e dos Concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro.