O vindeiro sábado 14 de decembro desenvolverase na Casa da Cultura de Muros a partir das 12.30 horas a presentación do XX volumeBarbantia. Anuario de Estudos do Barbanza (2024) e máis a celebración da gala dos XVIII Premios Barbantia da Cultura 2024, que recoñecen e distinguen as persoas e iniciativas (artistas, escritoras/es, axentes culturais, proxectos, etc) máis sobranceiras da nosa comarca en materia de impulso, divulgación e creación cultural.
Estes persoeiros e iniciativas resultaron ser finalmente (logo da votación levada a cabo os días pasados entre o colectivo Barbantia) o ferreiro de Taragoña (Rianxo) Che Tembra (Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza 2024), a banda madrileña afincada en terras rianxeiras Barahúnda (Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza 2024) e o músico noiés Rodrigo Romaní (Premio Barbantia da Cultura Galega 2024).
Lembrar que este ano Barbantia celebra o 20 Aniversario da fundación da asociación.
A gala será retransmitida en directo por Canal Barbanza TV e por streaming a través da canle de Youtube da A. C. Barbantia para todo o mundo.
Recordar tamén que ese mesmo día a comunidade de Barbantia fará un xantar de confraternidade no concello de Muros. Para acudir ao xantar, é necesario anotarse antes do mércores 11 de decembro no correo: barbantia@barbantia.es.




