
O Concello de Boiro pecha o ano 2024 facendo balance da súa actividade en obras e servizos. No reconto faise saber que o importe en licitacións para estes proxectos ascendeu aos 1.459.257 euros investidos durante o todo o exercicio. A esta cantidade hai que sumarlle os 6.257.126 euros da Licitación do Servizo de Axuda no Fogar que se atopa publicada en fase de resolución.
O Concello engadiu que todos os contratos están publicados na Plataforma de Contratos do Sector Público e, entre os máis destacados, hai actuacións como as obras de instalación de rueiros en Runs e San Mauro, dun importe de 429.865 euros; a reforma do Mercado de Abastos, que ascende aos 145.657 euros; a pavimentación da subida a Espiñeira, dun importe total de 147.100 euros que está pendente e executar; ou o sendeiro que conecta o río Breiro con Exipto, dun importe de 100.336 euros.
En canto a obras licitáronse e executáronse neste 2024 a mellora de camiños existentes no Parque da Cachada, unha actuación dun importe de 55.730 euros; a renovación do bombeo de Brazos, que ascende aos 81.685 euros; a mellora da infraestrutura viaria coa execución de beirarrúas no Polígono Industrial, para o que se destinou un importe de 74.780 euros; a execución dun camiño en Nine, unha actuación de 61.241 euros o a pavimentación en Xián, de 34.089 euros.
Tamén se levaron a cabo neste 2024 diversas actuacións en canto á contratación de servizos como é o caso da auditoría na rede de saneamento, o tradicional xantar dos maiores, o espectáculo piromusical das festas do verán e outras actuacións musicais. En canto ás adquisicións que se realizaron este 2024 e que tamén se ven reflectidas nos expedientes de contratación mediante e Plataforma de Contratación do Sector Público, están a instalación de cámaras de seguridade no Polígono de Espiñeira, a adquisición dun vehículo ou a decoración de rúas.
A licitación máis importante e que aínda se atopa en fase de resolución é a do Servizo de Axuda no Fogar, un contrato que ascende aos 6.257.126 euros e que, aínda que a fase de presentación de ofertas xa rematou o 26 de decembro, a resolución e adxudicación do mesmo farase nos primeiros días do ano 2025.

“Apostamos por mellorar os servizos á veciñanza e esas cifras dan boa conta diso xa que neste ano 2024 investimos preto dun millón e medio de euros en actuacións que van redundar no beneficio da veciñanza. Unha cifra á que hai que sumar todas aquelas obras ou contratacións de menor importe e que se levan a cabo mediante contrato menor”, afirmou o alcalde José Ramón Romero.




