Os Concellos de Noia e Lousame veñen de inaugurar a nova edición (2024-2025) do seu Obradoiro de Emprego conxunto, centrado en actividades de conservación e mellora de montes, repoboación forestal e tratamentos silvícolas. Na formación capacitarase neste ámbito de traballo a 20 alumnas e alumnos dos ditos concellos.

O alcalde de Noia, Santi Freire, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xunto ao director territorial de emprego, Juan José Couce, deron a benvida aos alumnos e felicitáronos por esta nova oportunidade de formación práctica destinada a incrementar a súa empregabilidade. Serán 9 meses de formación para 20 persoas desempregadas.
O obradoiro está subvencionado pola Xunta. Unha parte do financiamento da actividade irá destinada, como de costume, a incentivar a contratación en empresas da bisbarra das persoas participantes unha vez remate a formación. Durante nove meses o alumnado recibirá a formación teórico-práctica prevista nos certificados de profesionalidade, complementándoa con traballos de mellora de masas arbóreas, rozas, podas ou reforestación.
