
O Concello de Boiro abre o prazo de matrícula nas accións formativas para persoas desempregadas que se van impartir durante o curso 2024/2025. Os programas que se van desenvolver son os de Cociña, Restaurante e Bar, Atención Sociosanitaria en Institucións e Atención Sociosanitaria no Domicilio.
No mes de xaneiro vai comezar o curso de Cociña de 368 horas de duración e que se vai desenvolver entre o 20 de xaneiro e o 6 de maio; e tamén o curso de Atención Sociosanitaria en Institucións, unha formación de 468 horas e que se celebrará entre o 7 de xaneiro e o 13 de maio. No mes de marzo comezarán os cursos de Restaurante e Bar e Atención Sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio.
O obxectivo destas accións formativas é, en palabras do Concello, “mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras e mellorar as competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, as necesidades de adaptación os cambios dos sectores produtivos e á inserción laboral”.
As accións formativas irán dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada. Todos os cursos formativos terán o módulo transversal de Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero e tamén sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Para levar a cabo estas propostas formativas o Concello de Boiro recibe da Consellería Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia unha subvención por importe de 175.976,70 euros.
A inscrición nas distintas accións formativas pode facerse directamente na Oficina Virtual de Emprego ou mediante o departamento de Emprego do Concello de Boiro; de forma presencial en Orientación Laboral, no teléfono 981 84 26 09 ou no enderezo electrónico emprego@boiro.gal



