
O Concello de Noia, a través da Área de Cultura municipal, presentou a axenda de actividades para estas festas de Nadal, unha axenda completa feita para todos públicos que comezou xa este mes de novembro coa Semana Musical de Noia, a presentación dos libros Candela e o espello máxico (de Andrés Villar) e Cuando hablan los fantasmas (de Carolina Cañero).
O programa de actividades prosegue o 14 de decembro ás 20.30 no Coliseo Noela con O auto de Castromil (de Producións Teatrais Escénicas) e un concerto da cantante galega Uxía, en Santa María A Nova o 15 de decembro a partir das 12.30 horas (organiza a Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello).
A axenda continúa na mesma xornada do 15 de decembro (ás 20h) no Coliseo Noela, coa proxección do filme galego O Corno, galardoado coa Cuncha de Ouro en Donostia, dirixida por Jaione Camborda (ás 20.00 horas no Coliseo).
O sábado 21 de decembro ás 18.30 horas celebrarase a recepción de Papá Noel na rúa do Curro.
O domingo 22 celebrarase o Concerto de Nadal da Banda de Música de Noia, no Coliseo Noela a partir das 20.00 horas (entrada libre até completar o aforo).
O xoves 26 de decembro están previstas dúas funcións (ás 17.30 horas e ás 20h) do espectáculo O mago de Oz, da Escola de Danza Oitos, no Coliseo Noela e con entrada solidaria de 4 euros en beneficio de ASPOGH.
O venres 27 o Noela acolle a proxección do filme infantil Hotel Transilvania 3 (Rede Cultural da Deputación) a partir das 18.30 horas (Rede Cultural da Deputación).
O sábado 28 de decembro ás 18.30 horas será a quenda do espectáculo familiar (a partir de 6 anos) Compaña, da compañía Xampatito Pato. Será no Coliseo Noela a partir das 18.30 horas. Organiza a Deputación en colaboración co Concello.
En xaneiro o día 2 proxectarase no Coliseo (ás 18.30 horas) o filme Momias (entrada libre até completar o aforo). O día 5 a vila de Noia dará a benvida Ás Súas Maxestades de Oriente.