A deputada do Grupo Popular Dolores Hermelo urxiu este 14 de novembro ao Concello de Ribeira a “achegar os terreos necesarios para a construción dun novo centro de saúde nesta localidade” e a deixar, nas súas palabras, “de ser un concello hostil contra a sanidade pública galega obrigando aos profesionais sanitarios a traballar en condicións deficitarias”.
Dolores Hermelo quixo destacar tamén “o esforzo que está a facer o SERGAS para cubrir as vacantes e baixas do persoal sanitario nos centros de saúde, neste caso os de Ribeira e Aguiño, repoñendo a totalidade do número de prazas asignadas na actualidade sempre que haxa profesionais dispoñibles e dispostos a contratar”.
Dixo tamén que “no Centro de Saúde de Ribeira existen 10 prazas cubertas, logo de que recentemente se cubriran tres prazas a través das medidas extraordinarias impulsadas pola Xunta para a dotación de persoal en prazas de difícil cobertura”.




