
O PP de Ribeira, a través da voceira do grupo María Sampedro, presentou unha moción para ser debatida en pleno relativa ao estado no que se atopa a rúa Romero Ortiz tralo derrube da “narcocasa” por parte do Concello, cuxa estrutura foi retirada o ano pasado tralo incendio que a destruíu previamente e tras anos de conflitos de convivencia e molestias para a veciñanza motivadas polo comportamento dos drogodependentes que nela residían e que a ela acudían.
“Foron numerosos os seguimentos por parte das autoridades, corpos e forzas de seguridade do Estado que interviron en múltiples ocasións para tratar de frear unha sangría que atormentaba a vida dun barrio histórico do noso municipio”, sinalou Sampedro, engadindo que “a propia veciñanza sufría nas súas carnes os episodios de violencia, de roubos, de trapicheos, pelexas nocturnas, e diúrnas, e unha manchea de capítulos de índole pouco pacíficos para un entorno que sempre foi tranquilo; un barrio, polo xeral, de xente maior, familias asentadas dende fai anos e que habitan en edificios históricos ou vivendas unifamiliares nas que levan décadas discorrendo unha vida normal e sen aparentes perigos ata a aparición dos chamados ocupas“.
Lembrou tamén que en 2022, o Executivo local do PP chegaba a un acordo, con motivo de rehabilitación da rúa, da cesión dun muro así como da compra da vivenda problemática en cuestión. “Foi así como a través dos propietarios dunha das vivendas chegouse ás lindeiras, que tamén mostraron o seu interese por chegar a un acordo co Goberno municipal para vender as súas propiedades; unha operación que sería beneficiosa para o municipio xa que, ademais de eliminar un punto flagrante de venta de drogas, deixaría un espazo diáfano no barrio inexistente ata a data e que favorecería a vida e o lecer os veciños do entorno”, sinalou, apuntando que “a finais de maio de 2022 o pleno daba luz verde, de xeito unánime, á solicitude dun crédito ao IGVS por valor de 700,000 euros para a posta en marcha da compra e rehabilitación de, entre outras, as referidas vivendas de Romero Ortiz e a restauración do espazo”. Logo, en 2023, aconteceu o devandito incendio e o Concello tramitou nese momento, con carácter de urxencia, unha declaración de ruína que levou, por parte do Execuivo local, ao derribo da vivenda en cuestión e dando por rematado así parte do problema existente.
Porén, lembrou que o segundo dos inmóbeis adquiridos quedou en pé, á espera de ser derribado para converter aquel espazo nunha área de lecer para que a veciñanza do entorno “puidese dunha vez por todas desfrutar duns bancos e un área de descanso e social sen afastarse das súas vivendas e dotar así ao barrio dun espazo social para toda a veciñanza, revitalizando así unha zona que durante anos pasara por momentos complicados”.
Para o PP, este foi até agora o último capítulo dun proceso do que “nada sabemos dende entón, de se o actual Concello vai seguir co proxecto ou se caeu no esquecemento”. María Sampedro sinalou que “non sería boa nova para os veciños que isto caese no esquecemento, agora que volven sufrir as consecuencias da okupación e do trapicheo tralo desaloxo do edificio okupa das Avesadas, que volve poñer en alerta á veciñanza de Romero Ortiz, que ve como de novo o seu barrio volve ser obxecto da inseguridade, dos trapicheos e dos altercados nocturnos”.
Engadiu que “sabemos da gran preocupación que existe entre as persoas residentes, do desamparo que senten por parte do Executivo municipal que, lonxe de empatizar con eles, presumen de ter quitado o problema dun lado e metelo noutro, ou mesmo de suxerir aos veciños que entren eles alí co problema e o risco que iso suporía”.
Estas son as solicitudades concretas da proposta do PP:
1- “Que o Goberno municipal execute os fondos que proveñen do IGVS para o derribo da casa que queda levantada en Romero Ortiz e a execución da posta a punto dos espazo nomeado nunha área de lecer para desfrute da veciñanza”.
2- “A posta en marcha de medidas de seguridade, disuasorias e de protección do entorno das novas ubicacións onde se teñen desprazado os ocupas de Avesadas para evitar novos problemas en diferentes barrios, como o que se nos traslada dende Romero Ortiz”.
