O pleno municipal de Lousame aprobou unha declaración institucional contra a violencia de xénero, acordada polos tres grupos municipais durante a celebración do pasado 25 de novembro. Unha declaración que foi lida pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, durante a derradeira sesión ordinaria de 2024.
Agrafojo explicou que o Concello de Lousame comprométese a seguir mellorando a capacidade de detección temperá da violencia de xénero, a facilitar a formación do persoal municipal nesta materia, a continuar cos programas divulgativos (en especial no ámbito educativo) e a seguir impulsando a Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. “Ratificamos o compromiso firme do Concello de Lousame cos dereitos das mulleres e contra a violencia e as políticas machistas”, apuntou a concelleira.
Así mesmo, o Concello de Lousame pide ao Goberno central a renovación do Pacto contra a Violencia de Xénero e a revisión dos criterios do sistema Vioxén. Por outra banda, solicita á Xunta que incremente a formación na prevención de abusos a mulleres con discapacidade, que aumente os recursos dispoñíbeis para a integración das vítimas de violencia e a que optimice os recursos dos CIM de Galicia.
O tenente de alcaldesa Esteban Ares García, que presidiu o pleno ante a baixa de Teresa Villaverde Pais, felicitou aos tres grupos “por sermos quen de consensuar esta declaración. Agardo que sexa posíbel lograr máis acordos en temas de interese e deixar os logotipos a un lado polo ben dos veciños e veciñas”. Un punto no que coincidiron os dous voceiros de PSOE e BNG.
Juan José Prego Ces, que nesta sesión tomaba posesión como voceiro do grupo municipal socialista en substitución de Ana María Domínguez Laíño, asegurou que esta moción “é un exemplo de que se pode chegar a un acordo entre todos e é un orgullo que sexa sobre un tema tan complicado”. Anxo Moledo Carreño, voceiro do BNG, felicitou á concelleira de Igualdade polo acto organizado o 25N “e por contar con toda a Corporación. Espero que este cambio siga”.
A unanimidade tamén se mantivo nos outros asuntos da orde do día, como a aprobación de tres actas de sesións anteriores e na aprobación da exención do 95% do IBI para aquelas dependencias nas que se realizan actividades agrogandeiras do sector primario. Unha medida que beneficia este ano a sete explotacións gandeiras de Lousame.