O Laboratorio Ecosocial do Barbanza mostrou en Taragoña e Leiro as boas prácticas das nosas comunidades de montes

05 Novembro 2024

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza celebrou dúas xornadas de divulgación e participación en Rianxo para visibilizar as boas prácticas das comunidades de montes implicadas no proxecto. Estas xornadas, organizadas na parroquia de Taragoña o 27 de outubro e en Leiro o 2 de novembro, reuniron a diversas entidades e colectivos locais que promoven unha xestión sostíbel e activa do territorio.

O obxectivo principal destes encontros foi “crear espazos de diálogo e convivencia entre comunidades, cidadanía e administracións, permitindo compartir o aprendido polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza ata o momento”. O Laboratorio explicou que “estes eventos tamén buscan fortalecer o compromiso das comunidades de montes de Rianxo en prol dunha xestión sostíbel do territorio e fomentar alianzas con outras comunidades que traballan na mesma dirección”.

Na xornada en Leiro, as actividades comezaron cunha intervención de voluntariado para eliminar acacia negra (Acacia melanoxylon), organizada pola Fundación Montescola. Un total de 30 persoas de todas as idades subiron ao monte equipadas con luvas e ferramentas para descascar as acacias, unha técnica que debilita as árbores ao interromper o fluxo de zume (savia). “A técnica de descascado funciona”, sinalou Ánxela Míguens, presidenta da CMVMC de Leiro, destacando que xa se observa o secado das acacias tratadas en intervencións anteriores.

Ao rematar os traballos, realizouse unha visita guiada á plantación experimental de castiñeiros do CIF de Lourizán en Leiro, onde Fina Fernández López, xenetista, e Beatriz Míguez Soto, bióloga, explicaron a investigación para seleccionar variedades de castiñeiro adaptadas ás condicións do interior de Galicia. Este proxecto busca identificar árbores con características óptimas en termos de resistencia, calidade da madeira e capacidade de producir froito, ademais de resistencia a pragas.

Paralelamente, o equipo de Montescola organizou actividades divulgativas e de pintura para o público infantil, incluíndo a creación dun mural no refuxio das cabras da Plataforma pola Defensa do Monte. Neste espazo, o presidente da Plataforma explicou en que consiste o proxecto de pastoreo comunitario, destacando o valor desta práctica para a conservación do monte.

A continuación, na praza do Campo da Veliña, a Comunidade de Montes de Baroña realizou unha demostración do uso dun serradoiro móbil. Aproveitouse a ocasión para formalizar un acordo de colaboración entre comunidades de montes que participan no proxecto, reforzando así as redes de apoio e promoción da innovación para o aproveitamento das materias primas locais.

Durante a comida popular no Centro Cultural Vicente Vidal, servíronse pratos de carne de poldro de Baroña, chourizos e empanadas, e carne de cabrito das comunidades da Plataforma, preparados polo restaurante Curral do Marqués. Esta iniciativa, impulsada a través do Laboratorio, está vinculada ao futuro Centro de Transformación de produtos cárnicos de Baroña, que axudará a dinamizar a cadea alimentaria local e ofrecerá servizo tanto ás comunidades de montes como a pequenas explotacións da serra do Barbanza.

As actividades da tarde incluíron a presentación dun tríptico elaborado pola comunidade de montes de Leiro, con recomendacións para a xestión de especies invasoras. Tamén se presentou o libro Cando eramos sostibles, que recolle o traballo do Laboratorio no Barbanza entre 2020 e 2024, a cargo do investigador David Fontán do grupo HISTAGRA, quen tamén moderou as charlas e o debate posterior.

Entre os participantes destacou Fina Fernández López, quen compartiu a súa investigación sobre o futuro do castiñeiro de madeira na Galiza Atlántica. Xosé Carlos Castro García, axente ambiental en Rianxo, abordou os retos da prevención de lumes forestais, mentres que Xosé Antón Araúxo, presidente da CMVMC de Couso, expuxo os traballos de xestión sostíbel nos seus montes.

Finalmente, Lucía Rodríguez Cao, educadora ambiental da Fundación Montescola, falou sobre o proxecto de comunidade enerxética en Froxán e o programa de mobilidade comunitaria. Estas xornadas reforzan a aposta polo desenvolvemento sustentábel do monte galego, promovendo unha xestión integral e colaborativa en beneficio de todos os axentes implicados e do territorio.

Outros artigos

Noia incorpora un novo axente da Policía Local

O pasado venres, o alcalde de Noia, Fran Pérez, participou na sinatura do contrato dun novo axente que se incorpora ao corpo da Policía Local, un axente que xa ten un amplo coñecemento da vila e da súa contorna tras realizar no municipio noiés o seu período de...

+

Noia Limpa recolleu 70 quilogramos de lixo na praia de Testal

Na mañá deste sábado 17 de outubro a asociación Noia Limpa levou a cabo unha nova xornada de limpeza da praia de Testal, no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias promovida por ADEGA. Grazas ao traballo das persoas voluntarias, conseguíronse retirar un total de 70...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Derechos”. Roberto Carlos Mirás

“Derechos”. Roberto Carlos Mirás

Dentro de unos días todos los españoles tendrán la oportunidad de cambiar de Gobierno y que éste sea mucho mejor que el anterior. El Gobierno de Pedro Sánchez ha estado rodeado de múltiples investigaciones tanto a nivel personal como el de un presidente que prometió...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.