O alumnado de Tahume fórmase en aproveitamentos sustentábeis da madeira co Clúster de Biomasa de Galicia

18 Novembro 2024

O pasado venres 15 de novembro o alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume IX mantivo a súa derradeira actividade de formación con profesionais externos. Foi, segundo confirmou o Concello de Porto do Son, a derradeira das xuntanzas de traballo con empresas. Desta volta, o alumnado do obradoiro puido recadar información de utilidade de Francisco Álvarez, presidente do Clúster de Biomasa de Galicia, e o técnico desta alianza empresarial, Sergio Vázquez, quen realizaron un percorrido pola actividade das empresas do sector forestal da nosa terra que se adican a producir combustíbel natural e sustentábel para logo levalo a fogares particulares e a institucións públicas.

Os representantes do clúster debullaron os procesos que se seguen para tirar proveito da inxente capacidade de produción dos nosos montes e, última instancia, xerar calor natural apostando polo uso de enerxías renovábeis que, ademais, teñen o engadido extra de reducir o risco de lumes forestais. A sesión de traballo cos representantes do Clúster encádrase nas actividades de formación gratuíta da alianza empresarial dirixida tanto a profesionais como ao público en xeral

Na segunda parte da xornada, grazas a Fran e a Sergio, as e os participantes no Obradoiro de Emprego Tahume (IX edición) coñeceron a Santiago da empresa Ökofen, con quen realizaron unha visita práctica á sala de caldeiras da Casa de Cultura de Xuño para seguidamente poder visualizar unha demostración da carga no silo que realizaron os traballadores da empresa Lignus – PelletsdeGalicia.

Grazas a estas sesións, o alumnado de Tahume tamén puido coñecer de primeira man a segunda parte do proceso de rastrexabilidade (trazabilidade) dos usos e produtos de madeira.

Remate de Tahume IX

As actividades formativas do Obradoiro de Emprego Tahume IX, impulsado polos Concellos de Ribeira e Porto do Son, xa están na súa recta final. De feito, dende os ditos Concellos informaron da aprobación das axudas dos incentivos á contratación para que as empresas do sector forestal e xardinería que precisen persoal poidan acollerse as mesmas e contratar ao alumnado do Obradoiro de Emprego coas competencias profesionais adquiridas. Esta vertente laboral e de inserción sería polo tanto o punto final da edición novena do programa.

Ao mesmo tempo, está a coller impulso a décima convocatoria do Obradoiro de Emprego Tahume, cuxa concesión foi confirmada o pasado verán pola Xunta. Virá con dúas especialidades: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Traballos de carpintaría de moble. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de 9 meses, que tamén estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Desde o inicio da súa participación no obradoiro dual de emprego, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación en alternancia, polo que percibirá unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.

Outros artigos

Boiro sumou forzas contra o cancro cunha cadea humana no centro da vila

A Asociación Española conta o Cancro de Boiro conmemorou na tarde deste sábado 17 de outubro o Dia Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha gran cadea humana e a realización dun lazo na rúa peonil de Boiro. Durante estes días o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.