Maneiro (O Conchido, A Pobra, 1973), o noso querido solista dos Heredeiros da Crus, compartiu este 29 de novembro o seu novo single, Anxos no inferno, que xa podemos escoitar no Youtube e (en breve) noutras plataformas. “Tod@s temos anxos no ceo e no noso inferno particular” así resume Javi Maneiro a súa última gravación Anxos no inferno composta e escrita polo propio artista da Pobra.
Producido novamente por Fran Gude, e con Rubén Cores aos arranxos e guitarra xunto con Manu Rey á batería, Pachi Cruz ao baixo, Iria Iglesias aos teclados, Fernando Calvo á guitarra, e coa colaboración se Sonia Lebedynski nos coros e o propio Maneiro á voz, Anxos no Inferno é un tema de impacto dunha banda que camiña entre o pop e o rock cun son contundente. Dinos o propio Maneiro falando de Anxos no inferno que “esta é unha canción de agradecer, de dar as gracias a quen me salvou. As lucernas e vagalumes da U.C.I. que estando no mais escuro inferno da consciencia, estiveron os pes da miña cama para non deixarme durmir. Sono no que a vida por diante en segundos pasa, e na que hai anxos coidando de ti”.
O novo tema pecha o ciclo iniciado co seu disco Un bonito despertar, un proxecto que xurdiu tras a súa repentina enfermidade. Esta experiencia transformadora impulsouno a crear novas melodías e a explorar un son actual, que reflicte a súa evolución artística e emocional.
Coincidindo co lanzamento, Maneiro lánzanos un convite a “unirnos a esta viaxe musical, onde cada nota e cada palabra son un recordatorio de que, mesmo nos momentos máis escuros, sempre hai luz e anxos que nos acompañan”.