
Logo de dous meses de probas, a Fundación Montescola vén de informar de que xa está “plenamente operativa” a que sería, en palabras da entidade, “a primeira iniciativa de mobilidade eléctrica comunitaria de todo o Estado”, un proxecto que bota a andar en Froxán (Lousame) co apoio da Deputación da Coruña. En concreto, trátase dun sistema no que o vehículo é de uso compartido para todas as persoas que participan na Comunidade Enerxética de Froxán, proxecto que conta coa súa propia instalación fotovoltaica que tamén subministra á metade de vivendas do lugar.
As entidades responsábeis desta iniciativa sustentábel engaden que “a diferenza doutros sistemas de car-pooling, onde o vehículo é propiedade dunha empresa externa que cobra aos usuarios polo uso, neste proxecto o automóbil pertence á propia Comunidade Enerxética e é de balde para as usuarias”. A iniciativa foi facilitada pola Fundación Montescola cunha achega de 24.800 euros por parte da Deputación da Coruña.
O vehículo tamén está á disposición das iniciativas sociais e de voluntariado nas que participa a comunidade e foi adquirido cun gancho de remolque para permitir o transporte de maquinaria e ferramenta.
O obxectivo é “reducir o uso e emisións dos vehículos individuais e amosar o potencial das comunidades enerxéticas á hora de usar e xestionar a enerxía de xeito democrático e participativo”. Para tirar proveito do vehículo, as persoas usuarias deben reservar as horas nas que o utilizan, ben de xeito puntual ou recorrente, reducindo o uso dos vehículos privados (todos de combustión interna) e xerando as condicións para a súa substitución progresiva. O sistema de reservas tamén facilita o uso colectivo, de xeito que varias veciñas poidan desprazarse xuntas ou facer recollidas e entregas de bens.
A fundación engade que “as alternativas para a descarbonización do transporte son un paso chave na redución das emisións e na loita contra o cambio climático”. Así, “se ben o transporte público colectivo é o xeito máis eficiente de realizar este proceso de substitución de vehículos de combustión interna por vehículos eléctricos, a realidade de grande parte do rural galego é a inexistencia ou baixísima frecuencia de transporte público, obrigando a unha dependencia excesiva do vehículo privado”.
Advirten, por outra banda, que “descarbonizar a flota actual de vehículos privados nunha ratio de 1:1 é inviábel dada a demanda de metais que sería necesaria, que implicaría o esgotamento de todas as reservas coñecidos de metais como o níquel ou o litio nas próximas décadas, ao que se suman as emisións asociadas á extracción e procesado destes materiais, que debe computarse na pegada de carbono dos vehículos eléctricos”.
En Galicia hai na actualidade máis de 2 millóns de vehículos e en Europa uns 260 millóns.
A iniciativa da Comunidade Enerxética de Froxán parte da base “de que a mobilidade individual privada é a forma de transporte menos eficiente”. De feito, cada vehículo privado individual ou familiar (con independencia de que sexa eléctrico ou de combustión interna) pasa 95% do seu tempo estacionado, sen uso, o que representa un uso pouco racional dos recursos dispoñíbeis; “e mesmo cando está sendo utilizado, a maior parte da enerxía utilízase para mover entre 1 e 2 toneladas de vehículo, e tan só entre 60 e 160 kg que poden pesar 1 ou dúas persoas”.
Por iso, lembran, “é chave avanzar cara modelos de uso compartido, tanto en termos de propiedade como de deslocamentos.
Desde a Fundación Montescola destacan que “o rural galego está sobrepoboado de vehículos, sendo habitual que en moitos lugares haxa máis vehículos que persoas, o que agrava e dificulta aínda máis a necesaria descarbonización, particularmente nun momento no que o custe dos vehículos eléctricos continúa sendo elevado e cando as administracións non conseguiron ofrecer alternativas realistas de transporte público en boa parte do territorio”.



