“A Magia Potagia que marabillaba aos nenos en TVE, libra á praia da Basteira do pedregal de Portos de Galicia” – Antón Luaces

19 Novembro 2024

O da Concha de Cariño foi un dos areais “distintos” da costa galega: de area tintada dun ton gris en constante tirapuxa coas “pericas” ou traíñas e tarrafas cangadas de peixe que non podían descargar de non ser polo traballo das mulleres -que se metían no mar ata o peito para carrexar en patelas sardiñas, chicharro, xarda, etc. ata as fábricas de salgadura e conserva- por carecer dun peirao no que poderen atracar as embarcacións que capturaban esas especies, pasou por outra cor menos neutra e desagradable en boa parte debida ao popularmente coñecido como “río cheirón”, no que a morca procedente das pías de lavado dese peixe  “sangraba” en negro as dunas e a praia propiamente dita, minimamente utilizada daquela (anos 40-50 do século pasado) polos cariñeses para o baño. 

O tempo fixo que mudara a “figura” dese areal, perdendo boa parte da súa curvatura clásica de “concha” ou cuncha, con máis de medio cento de barcos nela fondeados e outros varios atracados nas novas instalacións portuarias nas que a confraría de pescadores chegou a construír unha fábrica de xeo (dende vai anos inactiva) e, no centro do pobo, o edificio sede da citada confraría. Ao tempo, amañouse a vella lonxa de peixe (que anunciaba a golpe de serea o peixe que descargaba tal ou cal barco recén chegado a porto). Quedaban coma testemuñas do pasado a cetarea e as paredes do Campo nas que se colocaban os sinais que anunciaban que barcos ían saír esa tarde a pescar no cantil. 

A dragaxe da “concha” e as obras realizadas na percura dun maior confort para a actividade portuaria, fixeron que a cor da area variara de xeito máis que notable, como notable foi tamén a desaparición das dunas (posteriormente repostas pola Natureza).

Todo se fixo sen que, na práctica, os cariñeses decidiran que querían do seu areal. Todo veu imposto e, como veu, vaise indo: a lonxa non é nin sombra do que foi; a confraría é un soño pesado, moi pesado, no que Portos incide negativamente; da vintena longa de conserveiras queda só unha, e dos tres cines que había, non queda máis ca triste lembranza do que foi e xa non é. E queda, tamén, ergueita no corazón do pobo, a torre da igrexa parroquial. Por pechar, pechouse ata o cuarteliño da Garda Civil (esta ten que vir da vila -Ortigueira- cando se precisa do seu servizo en Cariño). 

Nas rúas de Cariño falta xente nova. Especialmente cativos. Hai aulas baleiras no instituto polo que tanto pelexaron os cariñeses, como tamén o fixeron por un concello de seu que, curiosamente, segue a estar a expensas do que outros decidan porque Cariño, por si mesmo, semella, non ter voz nen voto. Menos mal que, vai unha semana, recuperou a súa Asociación de Veciños, grazas ao grave erro da Xunta e Portos de Galicia -co silenzo municipal- ao tentar rechear a parte da praia da Basteira que máis queren os cariñeses. Un recheo inxustificado, di a veciñanza, con evidencia de desleixo municipal e a inaxeitada actuación do Goberno galego, que sementou pedras onde ata o de agora había area (pedras que alguén apañou máis ou menos agochadamente estes días, talvez á vista do cabreo xeneralizado dos cariñeses).

Porque bo número destes tivo arrestos para dicir, alto e claro, que non é iso o que Cariño precisa, que lles devolvan a praia da Basteira; porque de non ser así, van levar ás portas das casas dos membros do equipo de Goberno municipal parte da area contaminada empregada nun recheo que só xustifican o Concello, Portos de Galicia e a Xunta.

Outros artigos

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

+

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

+

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.