O Liceo Marítimo de Bouzas albergou esta fin de semana a última das cinco probas correspondentes ao Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, na que os vigueses José Luís Álvarez e Gonzalo Riveira fixéronse co cetro dourado da competición, tras seis meses de probas e cinco mangas validadas polo comité de xuíces federativo.
O punto de partida foi o Real Club Náutico Portosín, alá polo mes de abril, acollendo a primeira proba a ría de Muros e Noia na que os olívicos xa daban boa mostra das súas intencións ao coroar o listado xeneral.
Seguíalle Outes, á semana seguinte da manga portosinense, igualando o cadro os locais Joaquín Barrio Guldrís e Joaquín Barrio Bouzas, imprimindo emoción no campionato.
A terceira disputábase nas augas internacionais de Tui. O Miño dáballe a vantaxe aos noieses, repetindo triunfo.
A cuarta celebrábase na ría de Betanzos, tendo a Sada por epicentro do galego, e na que os vigueses volvían presentar a súa candidatura ao inclusivo.
Non sería ata Bouzas, en Vigo, cando se aclarase o campionato, aínda cando Álvarez e Riveira rexistraban un terceiro e Guldrís e Bouzas un primeiro, mandaban os descartes e o average, refugando os vigueses este terceiro como peor resultado e os de Noia o sexto de Outes, empatando na xeral ambos os equipos a 6 puntos, pero cos de Vigo de primeiros. Pechaban o caixón do podio Enrique Dios, do coruñés municipio de Rois, con Carmen Guldrís, de Noia.
Até unha vintena de equipos participaron na cita galega, sendo embaixadores dunha decena de concellos como Agolada, Lalín, Sada, Pontevedra, Tomiño, Noia ou Vigo, cidade dos campións, entre outros.
En Bouzas disputáronse dous mangas por equipo, na lámina de auga interior, protexidas pola entrada ao porto deportivo do Liceo Marítimo, con boias fondeadas para trazar un slalom e as sempre complicadas probas de habilidade como o fondeo, rescate, pelota-cesta e amarre.
A entrega de premios celebrouse ao termo da competición nas propias instalacións do Liceo Marítimo de Bouzas, un acto ao que asistiron o presidente da entidade boucense, Miguel Pereira; e os presidente e vicepresidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández e Carlos Gago, respectivamente.