O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza un obradoiro de compostaxe no Centro de Transformación de Baroña (este sábado 26)

22 Outubro 2024

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza esta semana un taller de compostaxe no Centro de Transformación de Baroña (Porto do Son, A Coruña), impartido pola asociación Amigas da Terra. Poderán participar as comunidades de montes do Barbanza. O obxectivo é “poñer en valor os residuos agrogandeiros e forestais de orixe local e capacitar ao persoal contratado polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, ao abeiro da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO)”

O Centro de Transformación de Baroña

O obradoiro dará comezo ás 09:00 h da mañá do sábado 26 de outubro. Durante a xornada realizarase unha demostración práctica para dar a coñecer os procedementos de transformación dos residuos forestais e gandeiros de orixe local mediante compostaxe, orientados ao seu uso en plantacións forestais e rexeneración de solos.

A actividade está aberta a todas as comunidades de montes e entidades interesadas na agrocompostaxe. Para participar, será necesario inscribirse previamente enviando un correo a info@barbanzaecosocial.org ata o xoves 24 de outubro inclusive.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza busca sensibilizar ás comunidades de montes sobre o aproveitamento dos residuos agrogandeiros e forestais para a produción de compost (as actividades de transformación e valorización dos recursos do monte forman parte da actuación 3 do proxecto, coordinada pola Plataforma pola Defensa do Monte). A través do Laboratorio estanse a levar a cabo accións demostrativas e formativas sobre compostaxe nas comunidades asociadas, co obxectivo de fomentar a implementación deste proceso noutras localizacións.

O persoal contratado no marco do proxecto está a realizar o Curso Básico de Mestría en Compostaxe impartido por Amigas da Terra. A finalidade é a de adquirir habilidades necesarias para o manexo do ciclo dos residuos forestais, desde a súa recollida ata a súa xestión mediante compostaxe e a aplicación do produto final para a rexeneración de espazos degradados ou a plantación de vexetación forestal.

A comunidade de montes de Baroña, que proporcionará o espazo e os recursos necesarios para a proba, ve a valorización dos residuos orgánicos xerados nos seus montes como “unha oportunidade para transformalos en compost”, e explora “a posibilidade de establecer unha pequena planta de compostaxe”.

Amigas da Terra conta cunha ampla experiencia en proxectos de compostaxe desde o 2005, colaborando con máis de 20 concellos das catro provincias galegas. Ademais, foi participante do Plan Revitaliza, onde implementou proxectos de compostaxe en catro concellos, formando parte do seu equipo. A formación que ofrece é clave para asegurar o éxito destas iniciativas.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Máis información a través do correo electrónico info@barbanzaecosocial.org ou no 722 413 315.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira esixe máis seguridade tras o grave suceso no porto

O PSOE de Ribeira esixiu ao Concello a adopción de medidas “urxentes e contundentes” en materia de seguridade tras o grave suceso rexistrado no porto de Ribeira, onde apareceu un cadáver esposado a unha escaleira, nun caso que os socialistas cualifican de “moi...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.