O Bloque Nacionalista Galego lembrou este 12 de outubro nun acto público aos Mártires de Nebra (en Porto do Son), unha revolta na que hai exactamente 108 anos catro mulleres e un home foron asasinados a tiros pola Garda Civil despois de varias protestas en queixa por un tributo tremendamente inxusto. Participaron, entre outras/os representantes do BNG, os deputados Iago Suárez e Soledad Agra.

Na súa intervención na homenaxe, Suárez quixo lembrar que “esta revolta, que conmemoramos desde o BNG, 108 anos despois, vén evidenciar que Galiza é un país que se mobiliza, un país que protesta cando as cousas se fan de maneira inxusta e que é un país loitador ante todas estas cuestións que non son de recibo para o pobo galego”. E engadiu: “Recordamos este ano, como levamos facendo todos estes anteriores, as Mártires de Nebra porque é de xustiza co noso país e porque é de xustiza coa nosa organización” .

Segundo fixo saber, as Mártires de Nebra reclamaban o que o BNG segue a reclamar hoxe en día, que é “a soberanía, a capacidade de decidir sobre o seu traballo, sobre os seus cartos, a capacidade de decidir basicamente sobre o seu” destacou o deputado. É algo no que segue incidindo desde BNG despois de todos estes anos porque segue sendo de xustiza e porque segue sendo, sobre todo, necesario para as galegas e para os galegos”.
Suárez denunciou que son máis de 5 mil millóns de euros os excedentes dos impostos que se cobran en Galiza “e que temos que entregar gratuitamente a Madrid mentres nos seguimos vendo como se afonda en problemas gravísimos a nosa sociedade”. Apuntou diferentes ámbitos da sociedade que “se ven afectados pola mala xestión e a falta de recursos como é a sanidade, especialmente na cuestión da saúde mental, a cuestión da vivenda ou o transporte tanto por estrada como ferroviario” e apuntou que “seguimos reclamando o que vimos reclamando desde sempre, soberanía, poder de decidir”, e por iso o BNG seguirá lembrando todos os anos, o 12 de outubro, ás Mártires de Nebra.

Unha historia ocultada (fonte: Galipedia)
Coñécese como os Mártires de Cans ou de Nebra os cinco labregos abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, na parroquia de Nebra (Porto do Son) o 12 de outubro de 1916. Mobilizáranse, movidos pola Liga Agraria de Nebra, contra un imposto que crían inxusto.
O 11 de outubro xuntouse a veciñanza no local da Liga Agraria de Nebra para falar sobre os embargos aos que os pretendía someter o concello, que o 13 de setembro, reunido en pleno, acordara unha lista de “debedores”. Estes debedores eran persoas que se negaran a pagar unhas cotas trimestrais que o concello impuxera para facer fronte a unha débeda contraída coa Deputación da Coruña.
Meses atrás, en marzo do mesmo ano, dende a Protección Obrera do Son falábase de entrar en acordos coa Liga Agraria de Nebra, para frear esta inxustiza por parte do concello. A Liga e a Protección Obrera comezaron a tomar partido para amosarlles aos veciños o que acontecía no concello. Así, nunha reunión da Liga o 2 de abril, acordouse unha manifestación para o día seguinte ás portas do concello, co fin de esixir por escrito a dimisión de toda a corporación municipal.
O 3 de abril os veciños xuntáronse no Son, no cruceiro da Guitarra, para achegarse ás portas do concello, ao berro de Non se paga o defis. Ao atoparen as portas pechadas, botaron por debaixo da porta o escrito coas súas reivindicacións. Os manifestantes mantivéronse diante das portas pechadas berrando consignas contra as inxustizas cometidas polo alcalde. Durante a concentración presentáronse tres parellas da Garda Civil que cargaron contra os manifestantes. Finalmente foron detidas cinco persoas que días despois ingresaron na cadea por orde do xuíz de instrución de Noia.
Nos seguintes meses o clima de descontento crecía na vila. O número de axentes da Garda Civil incrementouse para protección do alcalde. No mes de setembro, a Liga convocou unha marcha camiño de Noia para solicitar que soltasen os detidos. Aos veciños de Nebra, O Son, Noal e Portosín uníronselles máis veciños de Noia. O xuíz, ante o máis do milleiro de persoas que tiña ás portas do xulgado, decidiu liberar os cinco detidos, que os manifestantes levaron a ombreiros polas rúas da vila.
Con todos estes antecedentes chegouse á reunión da Liga do 11 de outubro, convocada á véspera da data na que comezarían os embargos. Entre as cousas que se propuxeron ese día para facer fronte á Garda Civil era poñer mulleres e nenos diante, porque os axentes non dispararían contra eles. Ao cabo, a Liga acordou ir sen armas á manifestación e houbo iniciativa por parte de varias mulleres de ir por propia vontade diante, mais os nenos ficarían nas casas.
Sobre a ponte de Cans, o xoves 12 de outubro, fóronse xuntado os veciños das aldeas de Nebra. Os manifestantes comezaron a berrar en contra do tributo: Non se paga o defis. Os gardas civís enviados superaban a trintena. O capitán xunto co tenente intentan convencer os veciños de que disolvan a manifestación, pero os veciños néganse. Un grupo de mulleres comeza a avanzar, intentando obrigar os gardas civís a recuaren. Un rapaz que se achega cun pau na man recibe do tenente un golpe co sabre que o deixa tirado no chan, o que espertou nos manifestantes unha reacción indignada.
O capitán ordena unha descarga ao aire para disuadir os manifestantes, mais algún garda civil desacatou a orde e disparou contra a xente. O capitán ordena outra descarga ao aire e, de novo, máis garda civís disparan contra os manifestantes. Nun primeiro momento cóntanse máis de trinta caídos. A garda civil opta por marchar cara a Portosín a protexer o alcalde.
Axiña, dous médicos do Son acoden á ponte para curar os feridos. Os de menos gravidade son evacuados ao Son, os máis graves lévanse á praia da Aguieira para embarcalos para Noia e levalos no coche de liña ao hospital de Santiago de Compostela. O mesmo día morreron dúas persoas: Antonio Sobrado Luaces e Francisca Carou. O día 15 morreron Ramona Suárez Pouso e Xenerosa Vidal Cadórniga, e o día 28, no hospital de Santiago, falece Rosa Cadórniga Maneiro.
O ocorrido foi silenciado polas administracións nos días seguintes, e os locais da Liga e de Protección Obrera foron clausurados.



