Finalmente a Asociación Cultural Barbantia, o Museo do Gravado e o Concello de Ribeira celebran esta fin de semana o Encontro de Creadoras e Creadores BarbantiArte IX, que se desenvolve o venres e o sábado (11 e 12 de outubro) nas salas 1 e 2 do Museo do Gravado de Artes (Ribeira).
O venres 11 ás 20.30 horas celebrarase a inauguración e a presentación do catálogo da mostra, novena edición. O sábado 12 ás 12.30 horas será a quenda dunha mesa redonda, Arte e Intelixencia Artificial, a cargo da noiesa Soledad Penalta, escultora e académica, Carlos L Bernández, crítico de arte e historiador, e Xulio Gil, fotógrafo e matemático.
Contarase coa presenza de Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira e presidente do padroado do Museo, e Pastor Rodríguez, director do Museo. En palabras deste último, “este encontro reúne unha ve máis os artistas do Barbanza para a celebración de BarbantiaRte, a gran festa da creatividade da nosa bisbarra, un encontro que naceu coa intención de mostrar a inmensa capacidade creativa deste territorio, mais tamén co desexo de poñer en diálogo non só os artistas a nivel interpersoal, senón tamén para que o espectador faga dialogar distintas disciplinas, estilos e sensibilidades”.




