
Os Concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra desenvolven unha nova edición do Programa Integrado de Emprego 2024/2025. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, acompañado dos alcaldes de Rianxo, Julián Bustelo, e A Pobra, José Carlos Vidal, visitaron este 18 de outubro o Centro de Formación e Viveiro de Empresas para dar a coñecer o programa deste ano. Na visita estivo tamén o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo, e os técnicos encargados do programa, César Cortiñas e Natalia Carou.
Explicaron que o Programa Integrado de Emprego 2024/2025 está destinado a 100 persoas da comarca inscritas como demandantes de emprego que, durante 12 meses, van recibir formación específica acorde aos sectores produtivos da zona así como xornadas destinadas a mellorar as habilidades de empregabilidade e inserción laboral.
Nesta edición a oferta formativa inclúe técnicas de Limpeza e departamento de pisos; Eventos, cátering e banquetes; Cociña básica; Elaboración de pezas cárnicas; Preparación de peixes e mariscos para a industria e venda; Identificación de alérxenos e manipulación de alimentos; Condución de carretillas; Xestión e control de compras e stock; e Operacións básicas de caixa; entre outras.
Ademais, durante o desenvolvemento do programa vanse levar a cabo accións de información, orientación e asesoramento laboral; formación en habilidades sociolaborais e en técnicas de busca efectiva de emprego; sesións de adestramento profesional (coaching); formación en idiomas e novas tecnoloxías; formación específica para o emprego; prospección de ofertas laborais e prácticas profesionais.
O programa baséase nunha metodoloxía innovadora que pon o foco nas necesidades das usuarias; no uso de novas tecnoloxías para favorecer a comunicación coas usuarias; no uso de redes sociais para conseguir unha mellor comunicación; no emprego de ferramentas TIC para a busca de emprego; e máis no networking e acompañamento.
As persoas participantes percibirán unha axuda consistente en 10 euros por día de asistencia ás accións do programa. Ademais, os concellos ofrecen medidas de conciliación para favorecer a participación no PIE segundo as necesidades de cada persoa usuaria.
O Programa Integrado de Emprego 2024/2025 dos Concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo e Economía Social.
Este vai ser o sexto curso que o Concello de Boiro desenvolva un Programa Integrado de Emprego, superando en todos eles o 50% de inserción laboral. O Programa do curso 2023/2024, que tamén se levou a cabo de forma conxunta, está a piques de rematar e conta xa cunha inserción laboral de 58 persoas que atoparon traballo grazas a participar nas accións formativas.
Máis información para participar no programa na web municipal, no enderezo electrónico e emprego@boiro.gal ou os números de teléfono 659 247 963 e 650 042 409.



