A Xunta achegará 600.000 euros no proceso de humanización da contorna portuaria de Noia

18 Outubro 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde de Noia, Santiago Freire, visitou a zona portuaria deste Concello para anunciar que a Xunta reserva unha partida orzamentaria plurianual para levar a cabo a humanización deste espazo, concretamente 100.000 euros no 2025 e outros 500.000 euros no 2026 o que permitirá “facer realidade unha actuación moi demandada polo alcalde e por toda a veciñanza”, dixo, engadindo que o porto de Noia supón “un importante espazo tanto para eventos como para actividades deportivas polo que é moi necesario realizar unha intervención que contemple en detalle as necesidades actuais e manteña coherencia coa contorna da fachada marítima”. Para isto, engadiu, “actuarase cunha visión global da ordenación, integración paisaxística, mellor aproveitamento da superficie portuaria e posta en valor da franxa litoral do municipio”.

A proposta de actuación propón unha nova superficie de estacionamento de vehículos regulado de case 4.000 metros cadrados con pavimento de formigón armado.

A delegada tamén explicou que “co obxecto de mellorar a utilización do espazo, levarase a cabo a execución de novos itinerarios peonís que permitan a conexión do aparcamento co paseo marítimo”.

A memoria tamén contempla a renovación dos pavimentos existentes na superficie do paseo marítimo e no carril bici.

Segundo adiantou a delegada da Xunta “prevese a implantación de zonas verdes mediante a extensión de terra vexetal con céspede, a plantación de especies arbóreas e a colocación de mobiliario urbano e bancos que permitan a contemplación da ría e do paseo, co fin de facilitar e promover o seu uso polos veciños”.

Finalmente, coa remodelación deste espazo está previsto a adaptación e renovación das redes de iluminación pública e recollida de augas pluviais, así como o soterrado das liñas eléctricas áreas existentes no aparcadoiro.

A representante do Goberno autonómico subliñou que “este proxecto non é só un proceso de embelecemento é unha aposta por unha recuperación de espazos públicos sostíbel, onde os veciños son os principais beneficiarios”. Neste senso, sinalou que “con esta transformación, Noia busca non só mellorar da súa imaxe, senón tamén fortalecer o sentido de pertenza e o benestar dos seus habitantes”

Investimentos de Portos de Galicia no Barbanza

Na súa visita a delegada referiuse tamén a outros investimentos na comarca no eido de Portos de Galicia que estarán presentes nos orzamentos da Xunta para o 2025. Concretamente, apuntou que esta área conta con máis de un millón de euros en 2025 para 8 actuacións nos concellos de Noia, Porto do Son, Muros e Ribeira para investimentos plurianuais comprometidos que ascenden a máis de 7,8 millóns de euros.

Concretamente, referiuse algúns destes proxectos como a nova nave de redes e o departamento para usuarios de Porto do Son, a mellora da zona de abrigo e atraques en Portosín, a reconstrución do peirao interior e a mellora da rampla de Esteiro en Muros, a mellora da operatividade no porto de Aguiño de Ribeira e a urbanización da zona portuaria de Noia.

A delegada destacou que os orzamentos da Xunta de Galicia tamén recollerán 145.000 euros para a dragaxe do porto Testal de Noia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...