A praia de Canelas (Vilagarcía) acolle este domingo unha actividade de simulacro de rescate de fauna mariña ameazada

11 Outubro 2024

Este vindeiro domingo, día 13 de outubro, ás 11:00 h a coordinadora CEMMA e a Asociación Veciñal Outeiro de Sobradelo organizan unha actividade formativo-divulgativa sobre a asistencia á fauna mariña ameazada, tartarugas e mamíferos mariños, na praia de Canelas, localizada na parroquia de Sobradelo, Vilagarcía de Arousa.

A actividade, de carácter formativo-divulgativa da Rede de Varamentos de Galicia, levarase a cabo pola CEMMA dentro do proxecto REVARGAL, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Simulacro de rescate

A actividade consiste en expoñer a presenza das especies obxectivo da asistencia a encallamentos, as diferencias básicas entre tartarugas (réptiles) e lobos mariños e cetáceos (mamíferos), así como o que podemos ou debemos facer para poder asistir en primeira instancia a un animal varado.

O público obxectivo é xenérico aínda que tamén está destinado a membros de protección civil, policía local e especialistas de medio ambiente, así como aos compoñentes dos Grupos de Voluntariado de Cobertura da CEMMA, que son os grupos locais de apoio.

Para poder inscribirse será necesario mandar un correo electrónico a cemmasolicitud@gmail.com

Actividades da Asociación Veciñal Outeiro de Sobradelo

Dentro das actividades promovidas por esta asociación, este simulacro está enmarcado dentro da súa loita pola conservación da toponimia local e buscando poñer en valor a parroquia de Sobradelo e as súas praias, así como a importancia da biodiversidade que se pode atopar na zona.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.