O Centro Cultural Lustres Rivas, espazo vivo de creación e difusión cultural activo dende 2011, acolle este días, por segundo ano consecutivo, unha exposición colectiva de artistas da contorna, fundamentalmente ribeirenses, baixo o título Camiño da arte que está comisariada por Goretti Bello. Esta colección poderá verse ata o vindeiro 19 de outubro componse de pezas de vinte e tres creadores e creadoras que antes puideron verse nos comercios da cidade e agora o Concello recolle nesta exhibición. Por certo que as visitas á mostra complementaranse con visitas guiadas para o público escolar.
Segundo detallou a súa comisaria, Goretti Bello, “a intención de Camiño da Arte foi a de crear un espazo no que estes artistas se sentiran acollidos e axudarlles a abrir portas para sentir esa autoestima, tan importante para todas e todos, e con ilusión atopar o seu camiño e facer contactos para seguir expoñendo e vendendo as súas obras”.
Pola súa banda o alcalde Luís Pérez Barral destacou que o que fai única esta mostra non é a cantidade de pezas, senón a diversidade. “Aquí, neste espazo, conflúen múltiples visións do mundo, tantas como artistas e iso é o que a arte ten de marabilloso: é unha xanela á mente e o corazón de quen se atreve a crear”, aseverou, poñendo o foco na importancia de apostar polos artistas locais: “Nun mundo onde a globalización e a inmediatez nos convida a mirar fóra, é vital lembrar o inmenso valor que temos en casa. Estes 23 artistas son reflexo da nosa cultura e do potencial artístico de Galiza”, asegurou Pérez Barral.