
Os populares de Ribeira, a través da voceira do grupo María José Sampedro, presentou unha pregunta relativa ás obras pendentes na rúa Barbanza (a carón do novo Auditorio Municipal) e o estado no que se atopa o proxecto. Lembrou na súa proposta que “en 2019, á par que se anunciaba a presentación do concurso de ideas para o novo Auditorio, informábase de que esta infraestrutura levaría aparellada a apertura do tramo da rúa Barbanza que discorrería por un lateral e uniría os barrios das Casas Baratas e Avesadas”.
Seguindo este fío, Sampedro recordou que logo de que en 2023 a obra fose adxudicada, “o pasado mes de xuño, pouco antes da inauguración do novo Auditorio, dende o Executivo local anunciouse o comezo de ditas obras que, ademais de facilitar o tráfico naquela zona, dotaría ao entorno de novas prazas de aparcamento”. Porén, sinalou, a día de hoxe “non albiscamos melloras nin avances nos traballos de posta en marcha dun espazo que ten moito tránsito, que remataría de poñer a punto todo aquel entorno que agora se atopa rehabilitado coa urbanización do Auditorio e melloraría o entorno dun parque infantil tan transitado como é o do centenario, ao que o estado actual do camiño afecta negativamente”.
Esta situación é baixo o seu punto de vista “unha mostra de desleixo e de falta de xestión, que proxecta unha imaxe negativa a un entorno tan transitado hoxe en día tanto polo tránsito que xera o novo Auditorio pola cantidade de familias que visitan o parque infantil”.
Polo exposto, o Grupo Municipal do Partido Popular interesouse na súa pregunta polo estado no que se atopa a execución da apertura do novo tramo da rúa Barbanza e se está previsto, por parte do Goberno, “exercer as súas funcións e executar dunha vez por todas esta obra que parece ser que se comezou hai 4 meses”.



