
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a concelleira de Ensino, Carmen Silva, visitaron na mañá deste 11 de setembro as inmediacións do CEIP Santa Baia aproveitando o inicio das aulas para supervisar as actuacións realizadas na contorna do centro de ensino para mellorar a seguridade viaria. Fixérono acompañados do director do centro e o xefe da Policía Local.
En concreto sinalizouse unha zona de Bico e Arrinca na fachada do edificio de primaria do centro na que se prohibe o aparcamento entre as 8.30 e as 9.00 horas para que sirva de lugar de referencia ás familias que só paran a deixar ao alumnado e continúan a marcha.
“Foi o propio centro o que nos solicitou este espazo para aumentar a seguridade e que iremos implementando nos demais centros de ensino”, afirmou o alcalde, engadindo que ademais desta actuación, mellorouse a seguridade viaria en toda a contorna dos centros de ensino actuando na sinalización para mellorar a mobilidade e reducir as incidencias nas horas de entrada e saída dos colexios, cando se rexistra un maior movemento de vehículos e peóns.



