Este 26 de setembro o Goberno de Noia (formado por PP e N.O.I.A.) sufriu un relevante revés na votación do pleno para a aprobación dos Orzamentos para 2024, que finalmente non prosperaron, en boa medida pola ausencia dun dos concelleiros do PP e o voto en contra doutro dos edís da agrupación: Luis Alamancos, até o de agora concelleiro de Persoal, Policía, Seguridade Cidadá e Viaria, quen logo de tumbar a aprobación das contas formalizou a súa petición de adherise ao grupo de non adscritos.
Segundo confirmou o equipo de Goberno, a dobre decisión (o rexeitamento aos Orzamentos e a marcha da agrupación) non fora comunicada previamente, como tampouco foi comunicada a xustificación do voto contrario a uns presupostos que recibira o visto bo inicial o pasado mes de agosto, onde o dito concelleiro votara de xeito favorábel.
O alcalde Santiago Freire sinalou tamén que “malia a situación de minoría no que se sitúa agora o Executivo local, con oito edís no canto de nove, seguiremos a traballar para acadar mellorar para Noia”. Amais, laiouse de que o concello ficase deste xeito “sen os maiores orzamentos da súa historia, con 14,4 millóns de euros”, o que, sinalou, levará parella a perda de investimentos e de axudas, así como a imposibilidade de facer fronte ao pago de todos os provedores.
A decisión de Luis Alamancos de aliñarse cos grupos da oposición en contra dos Orzamentos (tras dar o seu respaldo inicial en agosto coa súa aprobación) uniuse á ausencia doutro dos edís populares na sesión deste 26 de setembro (ausencia ao parecer non debida ás mesmas motivacións), polo que as contas foron rexeitadas por nove votos fronte a sete a favor.
O concelleiro Alamancos, pola súa banda, fixo saber que o principal motivo da súa decisión fora a falta de consignación para aplicar a relación de postos de traballo (RPT) e alegou que “levamos case 8 anos con unha RPT aprobada e aínda non se aplicou”, polo que recoñeceu que non lle é posíbel manter nin perpetuar unha situación que “causa malestar entre os traballadores”. Tamén recoñeceu ter dúbidas sobre o Orzamento, que dixo que conta cun informe desfavorábel da interventora e que lle provoca dúbidas sobre a súa seguridade xurídica.
Para A Marea, con estes feitos “queda demostrado que Noia non pode gobernarse a base de irregularidades” e que “os procedementos e o cumprimento da Lei son unha parte fundamental do xogo democrático”.