Un grupo de corenta rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame participou na mañá deste xoves 26 de setembro nuns obradoiros de videoactivismo medioambiental, organizados no marco do convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Foron uns obradoiros de tres horas de duración que buscaron fomentar o pensamento crítico, a creatividade e a claridade expositiva entre a rapazada, así como poñer en valor os estilos de vida saudábeis que a xente nova está a adquirir na loita contra o cambio climático.

Acompañados por persoal especializado da ONG AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), o alumnado realizou actividades de introdución á linguaxe audiovisual e crearon vídeos de temática medioambiental. Unhas pezas que se presentarán na segunda edición do certame audiovisual People of the future, iniciativa que está incluída no proxecto People & Planet: un destino común, financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a dezasete entidades de oito estados membros da UE, máis Cabo Verde.
A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, e a directora do CPI Cernadas de Castro, Pilar Cobas, asistiron a este obradoiro. Un taller que “ten como obxectivo concienciar aos nosos mozos e mozas sobre as graves consecuencias do cambio climático e conseguir que se convertan en axentes activos de transformación da nosa sociedade na procura dun mundo máis sustentable”, apuntou Silvia Agrafojo.




