Ana Peleteiro e Álex Vidal oficiaron a inauguración do módulo de atletismo cuberto e taekwondo da Fieiteira

26 Setembro 2024

O Complexo Deportivo da Fieiteira (Ribeira) acolleu este xoves 26 de setembro a inauguración do seu Módulo de Atletismo Cuberto. “Hoxe é un día moi especial para Ribeira, para os nosos deportistas e, en definitiva, para todos aqueles que cremos no poder transformador do deporte”, sinalou no acto o alcalde Luís Pérez Barral, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, ademais de diversos concelleiros da Corporación Municipal e demais autoridades. Porén, as estrelas do evento foron dous deportistas locais: a atleta olímpica Ana Peleteiro, que vén de sumar un diploma olímpico ao seu amplo palmarés, e o taekwondista paralímpico Álex Vidal, catro veces campión do mundo e de Europa, que acudiron na compaña de representantes das federacións galegas destes deportes e de clubs locais que os fomentan.

O rexedor e o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, explicaron que a través desta mellora “a infraestrutura deportiva conta con case 2.000 metros cadrados máis un novo pavillón anexo que alberga no seu baixo unha zona de adestramento cuberta para atletismo, con cinco rúas e áreas de saltos e de lanzamentos, entre outros espazos”.

No primeiro andar habilitouse unha sala para a práctica do taekwondo. Construíronse tamén vestiarios, aseos e duchas, ademais de facerse obras de accesibilidade.

Diego Calvo salientou tanto “a importancia de que as novas xeracións teñan exemplos como Ana Peleteiro e Álex Vidal nos que inspirarse para a práctica deportiva”, como “o labor que realizan as federacións e os clubs locais no fomento do deporte a todos os niveis”.

Este proxecto, iniciado no anterior mandato e rematado neste, supuxo un investimento conxunto de 2,2 millóns de euros. “Foi posíbel grazas á colaboración entre o Concello de Ribeira, que achegou 1.250.000 euros e a Xunta de Galiza, cunha contribución de 1,2 millóns de euros” salientou Pérez Barral, ao tempo que reivindicou o esforzo conxunto entre administracións: “Quero destacar e poñer en valor a importancia desta cooperación entre entidades, porque cando traballamos xuntos, cando unimos esforzos e recursos, logramos grandes resultados, como o que hoxe podemos gozar”.

O rexedor tamén indicou que as instalacións contribuirán á formación de deportistas de alto nivel, “como a nosa deportista olímpica Ana Peleteiro, a lle quen quero agradecer a súa aposta por Ribeira e que tameń contribuirá a que o clubs como os de Atletismo ou Taekwondo Natural Sport poidan desenvolver as súas actividades nun espazo axeitado”, e tamén tivo palabras para os deportistas presentes no acto: “Quero dicirvos que este módulo é o voso espazo e que aquí poderedes adestrar, perfeccionar as técnicas e competir coa garantía de que tedes detrás teñen a un Concello que os apoia, que cre en vós e que estamos desexosos de vervos triunfar”.

Para finalizar o alcalde falou do “compromiso co deporte do Concello” porque “este investimento súmase a todos os que se fan ao longo do ano como as colaboracións con clubs deportivos por máis de 150.000€ para o fomento do deporte de base, os 14.000€ a bolsas a deportistas de elite e un longo etc”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...