A vila de Noia, ao abeiro do programa Campus do Emprendemento e do Saber (iniciativa do Concello e da FUNDEHGA), acolle este sábado 14 de setembro unha xornada sobre Literatura e medios de comunicación na Galicia de hoxe. Será ás 10.00 horas no Casino de Noia e nela abordarase a sempre interesante e frutífera relación entre dous xeitos narrar con maior ou menor contacto directo coa realidade: a literatura e o xornalismo.
Coordinado por Armando Requeixo, este evento contará coa participación de expertos no ámbito do xornalismo e da literatura, por exemplo Noelia Gómez, Lois Alcayde Dans ou Marta Neira.
A cita, cuxa inscrición é gratuíta (e que podemos formalizar a través de educacionnoia@gmail.com), será inaugurada ás 10.00 horas polo alcalde noiés, Santiago Freire, polo director do Campus do Emprendemento e do Saber, Agustín Dosil, e polo escritor, comunicador e crítico literario Armando Requeixo, coordinador da xornada.