A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e o artista local José Luís Veiras Manteiga, inaugurarán a exposición Novos Vieiros o próximo martes 10 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura lousamiá. Trátase dunha mostra pictórica que poderá ser visitada ata o vindeiro 30 de outubro, trinta obras que representan cada unha delas intres relevantes dos últimos anos na vida do autor: o Día das Letras Galegas, o seu cabodano, o enterro de Ayaso, a constitución das Cortes, a festa da Gorgosa…
José Luís Veiras Manteiga (santiagués nado en 1949 e afincado en Lousame) é un artista polifacético: pintor, debuxante, gravador, autor de banda deseñada… que leva xa varios anos residindo na aldea de Camboño. Un municipio onde xa ten exposto a súa obra noutras ocasións tanto en mostras colectivas como individuais, a última delas Noir Blanc, unha colección de 27 traballos en tinta e acrílico sobre papel realizados polo artista a inicios dos anos 90. A diferenza dos seus traballos actuais, en Noir Blanc desaparecían as cores, as figuras e as paisaxes tradicionais neste pintor, que foron substituídas por un negro sobre branco.