O Servizo Marítimo da Garda Civil (Semar) comisou nun control rutineiro levado a cabo o xoves no porto de Ribeira, preto de 15 toneladas de sardiña ilegal, que carecía da trazabilidade esixida. O peixe comisado fóille entregado pola Garda Civil ao Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña.
Efectivos do devandito servizo do Instituto Armado inspeccionaron un camión que accedía á zona portuaria ribeirense cunha carga de 31 palés de sardiña, atopando notábeis diferenzas entre os datos da documentación relativa ao transporte que realizaba o vehículo e a mercadoría real que este transportaba. Pesada e verificada a carga na lonxa de Ribeira, constatóuse que 14.867 quilos de sardiña procedente do porto de Cambados (onde foran descargados por dous pesqueiros) non evidenciaban a trazabilidade que require a normativa.
Tanto o transportista como a empresa responsable do transporte e os dous pesqueiros mencionados foron denunciados por presuntas infracións
a Lei de Pesca de Galicia para a sua posterior remisión á Xefatura Territorial da Consellería do Mar da Coruña, que dará continuidade aos procedementos administrativos consecuentes.
O sector cerqueiro galego critica duramente a actividade ilegal dos barcos implicados neste asunto, mais ao mesmo tempo culpabiliza á Xunta e ao Goberno do incumprimento por eles dos acordos por estabelecidos co propio sector para reducir notablemente os cupos de pesca da sardiña e se facilitaba aos cerqueiros galegos o acceso á compra desta especie excedentaria nos portos do Golfo de Cádiz, o que os leva a reclamar que ese excedente se traspase dunha vez por todas á frota galega, nomeadamente aos buques que, en campañas anteriores, non foron quen de pescar as cotas máximas fixadas e que, este ano, apenas superan os mil quilos por barco. Se o promedio de tripulantes por buque non é inferior a 8 mariñeiros e o prezo do quilo de sardiña non acada o euro, cada marea pode reportar ao barco un máximo de entre 750-800 euros que, deducidos os gastos de explotación da embarcación, significan salarios inferiores aos 40 euros por tripulante e día de pesca.
Entre os armadores do cerco existe un fondo malestar co Goberno central e a Xunta de Galicia polo desleixo que amosan diante desta situación que, aducen, está propiciada, amáis, polos que denominan “conxeladores” que especulan cos prezos da sardiña co obxectivo de “acabar” cos cerqueiros e manexar o mercado ao seu antollo.
Por se fose pouco o sinalado, denuncian a actividade estractiva de cría de peixe (o miudiño ou menudillo) que ven ser o peixe que se podería pescar na vindeira campaña da sardiña, co que agoiran un moi mal ano para un sector que non ten ningunha espectativa favorable de se manter ese “non facer nada” dos últimos anos por parte das autoridades pesqueiras.