Arrinca este luns en Rianxo unha nova edición de Titiriberia

12 Agosto 2024

Este luns 12 de agosto bota a andar unha nova edición do Festival Titiriberia, o certame de teatro de monicreques de Rianxo, organizado cada verán, por estas datas, pola Asociación Morreu o Demo en colaboración co Concello, a Xunta e a Deputación da Coruña. O programa deste luns inclúe entre outras cousas apertura da exposición Títeres históricos checos da colección de Marie e Pavel Jiráskovi, que se poderá visitar no Auditorio de Rianxo ata o vindeiro día 17 de agosto. Podemos consultar na web municipal todo o programa de actividades ao detalle. O festival desenvólvese ao longo de toda a semana, até o domingo 18.

O cartel inclúe 30 funcións da man de 20 compañías, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións. Este ano Titiriberia terá como gran convidada internacional a República Checa, xa que o festival trae a Rianxo a tradición dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas do país centroeuropeo: Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A súa completa participación en Titiriberia, que incluirá un curso de formación, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual, é posíbel grazas ao apoio e á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno.

A presenza internacional do Festival de Titiriberia deste 2024 incluirá tamén a compañía Marionetas Rui Sousa. Esta formación portuguesa ofrecerá o seu espectáculo Dom Roberto, personaxe equivalente na tradición lusa ao Barriga Verde galego.

Ademais, dende fóra de Galicia, chegarán até Rianxo compañías de Murcia (Los Claveles), Andalucía (Títeres desde Abajo), Madrid (La Tartana) ou Euskadi (Ostomila Títeres). Estas últimas formacións participarán na mostra grazas á colaboración do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM) e do Etxepare Euskal Institutua, respectivamente.

Presenza galega

Un dos pratos fortes deste Titiriberia será a chamada Feira Vella, unha recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Situado no Campo de Arriba, neste espazo incluiranse propostas escénicas xunto a unha colección de xogos antigos e atraccións de feira tradicionais. Esta feira acollerá unha exposición do creador Manuel Silva Bisgue, quen leva anos a fotografar as diferentes edicións de Titiriberia, e será o espazo para a estrea de diferentes coproducións escénicas do festival neste 2024. É o caso de obras como Peito de Lobo, da compañía Seisdedos; Os casos da Feira vella, de Teatro Airiños, ou Chafallas. A vendedora de fume, de A Cova das Letras. Outras coproducións do festival serán As aventuras de Pituquito, que Trécola Producións estreará na praia de Tanxil; A vella do gaiteiro, de Títeres Alakrán; Cantar do ano de Rianxo, tamén de Seisdedos, e Baleazaleak, obra dos vascos de Ostomila Títeres que trae ao galego esta montaxe do seu repertorio. Precisamente, Ostomila será a encargada de abrir o programa de sala o vindeiro luns 12 de agosto ás 11.30 horas cunha función no Auditorio de Rianxo.

A estas coproducións cómpre sumarlles dúas producións propias que, un ano máis, Titiriberia lle ofrecerá ao público rianxeiro: As Variétes do Barriga Verde, espectáculo de variedades que evoca as actuacións que facía nas feiras a familia Silvent na súa barraca, e A Festa dos Títeres, pasarrúas que protagonizarán Vai de Roda, Viravolta e Os Quinquilláns. Esta ruada será o acto inaugural e partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer Rianxo.

A presenza galega complétase con outros nomes da nosa escena. Ademais dos xa citados, pasarán por Rianxo Os Monicreques de Kukas, Babaluva, Xirapaus, Pedras de Papel ou Teatro O Cubo, compañía que coproduce co Centro Dramático Galego o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre. O programa complétase con outras actividades, entre as que destacan a mesa redonda que se celebrará baixo o título Os títeres o maior espectáculo do mundo, a mostra dos fondos da compañía Viravolta nos escaparates de dez comercios grazas á implicación de ARE (Asociación Rianxeira de Empresas) e obradoiros para a cativada.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...