O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a aposta que a Xunta está a facer por potenciar a calidade asistencial dos hospitais comarcais e, a tal efecto, no marco dunha visita ao hospital de Barbanza, no concello de Ribeira, anunciou a posta en funcionamento neste centro dun hospital de día oncolóxico no 2025, do que Sanidade xa está a traballar no plan funcional.
Segundo remarcou o conselleiro, evitarlles aos pacientes de cancro o esforzo e as molestias que supoñen os desprazamentos frecuentes a Santiago para someterse aos tratamentos programados é algo posible e viable e o noso compromiso é materializalo, incidiu Gómez Caamaño.
Xunto a esta prioridade, o conselleiro sinalou que o seu departamento traballa noutros compromisos adquiridos para mellorar este hospital da rede do Sergas, entre os que citou a creación dunha área de críticos e a ampliación da área de hospitalización.
Na visita ao hospital, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o conselleiro remarcou que os hospitais comarcais son imprescindibles para achegar unha asistencia sanitaria de calidade e evitar así desprazamentos innecesarios.
Melloras realizadas
O máximo responsable da sanidade pública galega subliñou, na súa intervención, as melloras levadas a cabo pola Xunta no Hospital de Barbanza, entre as que destacou a renovación da climatización e reparación da fachada, a posta en marcha do heliporto ou a reforma do segundo andar para ampliar as consultas externas.
Engadido a todo o anterior, unha das accións máis destacadas foi a ampliación deste hospital, por medio dun investimento de case dous millóns de euros e un aumento do 40% da superficie total da área de urxencias, grazas á que, remarcou o conselleiro, se acadou unha superficie construída de case 1.100 metros cadrados.
No proceso de mellora das infraestruturas deste hospital, a Xunta tamén o dotou dun novo laboratorio de análises clínicas cunha achega de máis de 150.000 euros, que posibilitou a ampliación en máis dun 60% a súa capacidade, ata os 200 m2.
Non se esqueceu Gómez Caamaño de sinalar que este hospital converteuse no 2012 no primeiro de España en obter a certificación de xestión de riscos para a seguridade do paciente do seu servizo de diálise. Ademais, implantouse unha nova área de endoscopias e realizáronse melloras no equipamento, entre eles un novo TAC, un ecógrafo e un equipo radiocirúrxico, cun investimento da Xunta por valor de 1,1 millóns de euros.
As melloras postas en marcha pola Xunta neste hospital tamén abranguen o apartado de persoal. Así, o Executivo galego, por medio da lei que permite cubrir prazas de difícil cobertura a través dun concurso de méritos, facilitou a incorporación de sete novos especialistas en áreas como anestesioloxía e reanimación, medicina interna, pediatría ou radiodiagnóstico.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño reafirmou o compromiso da Xunta coa mellora do Hospital de Barbanza, que dá cobertura asistencial a máis de 62.000 persoas ás que aproxima servizos hospitalarios de calidade.