A Área de Turismo de Ribeira compartiu para este verán unha serie de propostas e recomendacións destinadas a visualizar e reivindicar o destino pero tamén, para clarificar os pasos a seguir polos visitantes e facilitarlles as súas exploracións polo concello, dándolles pautas sobre os moitos tesouros patrimoniais, culturais, gastronómicos e ambientais que atesoura o municipio. Inclúense no paquete unha viaxe espazo-temporal ao pasado máxico de Ribeira con Tonhito de Poi e roteiros para coñecer o rico pasado das parroquias.
Estes son os puntos a reivindicar:

-Roteiro de Lendas: Camiño dos Mitos e Lendas con Tonhito de Poi
Co propósito de contribuír a enriquecer a oferta turística de Ribeira, no 2024 dende a Concellería de Turismo de Ribeira deseñouse un produto turístico relacionado coas lendas atraendo a un público interesado na cultura e a historia de Ribeira e fomentar o respecto e a preservación das nosas tradicións.
“Na Concellería de Turismo consideramos moi importante manter vivas as nosas tradicións e relatos populares, xa que nos conectan co noso pasado e axúdannos a comprender mellor quen somos como comunidade”, explican dende o departamento, engadindo que o Roteiro de Lendas co músico local Tonhito de Poi brinda a oportunidade de gozar de historias fascinantes e misteriosas, promove o turismo local e impulsa a economía da contorna.
O traballo consistiu nu labor de recompilación de historias tradicionais transmitidas de xeración a xeración e procedeuse co deseño dun itinerario por lugares emblemáticos que permite aos visitantes explorar enclaves e escenarios asociados con relatos de deuses, heroes, criaturas míticas e feitos inexplicábeis..
O programa abrangue unha gran variedade de lugares como vestixios arqueolóxicos, pedras, miradoiros, e lugares que foron escenarios de acontecementos sobrenaturais e misteriosos.
Sen dúbida un dos puntos fortes deste roteiro é a participación como guía de Tonhito de Poi (natural do núcleo de Castiñeiras que ostenta o seu nome artístico). “Que sexa este gran artista local, de recoñecido prestixio no ámbito musical e audiovisual en Galicia, débese ao seu profundo interese e coñecemento da sabedoría ancestral”, sinalan dende a Área de Turismo, poñendo o foco no “bo recibimento que está tendo a iniciativa, tanto por parte da veciñanza como do público visitante”.
O roteiro Camiño dos mitos e lendas con Tonhito de Poi presentouse o venres 12 de xullo cunha participación do 100%, e realizarase tamén o 3 e 24 de agosto, e máis 14 de setembro. Para agosto xa non quedan prazas dispoñíbeis e hai lista de espera para ambas datas. A única data con prazas dispoñíbeis é o 14 de setembro.

-Roteiros sobre a historia de Ribeira, Palmeira e Aguiño
A Concellería de Turismo quixo este verán achegar aos visitantes (e aos veciños) á historia de Ribeira, Palmeira e Aguiño. Con este motivo creáronse 3 roteiros temáticos co obxectivo de ofrecer a posibilidade, tanto a veciñanza como aos visitantes, de aprender sobre a historia, cultura e tradicións de Ribeira, Palmeira e Aguiño dunha maneira interactiva e atractiva.
Con estes tres roteiros preténdese “fomentar unha maior apreciación e respecto polo patrimonio local e promover a súa conservación”. Ao mesmo tempo, buscouse “coñecer e entender a historia dun lugar axuda aos residentes a sentirse orgullosos da súa herdanza cultural e da súa identidade o que fomenta o sentimento de pertenza e o orgullo local”.
Nestes roteiros contémplase tamén promocionar o comercio e a hostalería local con paradas estratéxicas enriquecendo o itinerario e facilitando ao público participante a posibilidade de adquirir e consumir produtos locais.
Ditos percorridos contarán a historia de Ribeira, falaran sobre a emigración en Palmeira e nos levarán á orixe da conserva en Aguiño.
Estarán dispoñíbeis a partir do mes de agosto ata outubro.

–Feira Artemar (do 15 ao 18 de agosto)
A Feira Mariñeira Artemar, que se celebra en Santa Uxía entre o 15 e o 18 de agosto, é un evento destacado no que se incorporaron diversas melloras para beneficiar tanto aos expositores como aos visitantes. Para enriquecer a oferta, este ano incorporáronse máis expositores, incluíndo máis variedade de produtos e negocios locais vencellados ao mar, ao tempo que se fixo un esforzo por enriquecer as actividades recreativas co obxectivo de crear un evento máis familiar e atractivo para diferentes grupos de idade.

–Festas gastronómicas
A Concellería de Turismo de Ribeira reforzou este verán a súa colaboración coas diferentes confrarías de pescadores con sede no municipio de cara a acadar a máxima repercusión nas súas exaltacións gastronómicas estivais. É o caso de da Festa do Percebe de Aguiño (Festa de Interese Turístico de Galicia) que se celebrou con notábel éxito a pasada fin de semana, pero tamén da Festa do Polbo de Palmeira ou da feira gastronómica Gastromar da Asociación de Empresarios de Ribeira, entre outras citas destacadas.
Como novidade, este ano recupérase a Sardiñada das Festas do Verán e tamén se colabora coas xornadas gastronómicas Gol e Mar organizadas polo Cidade de Ribeira FC, que se celebraron os días 26, 27 e 28 de xullo na explanada do porto de Santa xuxía por primeira vez.

–Melloras en infraestruturas. Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque
Neste ano 2024 dende a Concellería de Turismo de Ribeira estase a traballar na recuperación e posta en valor dunha infraestrutura de referencia no ámbito da arqueoloxía como é o Parque de San Roque. O obxectivo destes traballos é “promover o coñecemento da prehistoria entre o público xeral”.
Para iso estase intervindo neste espazo de referencia dende unha perspectiva de “responsabilidade co entorno social, medioambiental e urbanístico”. Con esta intervención preténdese “revalorizar este espazo público de referencia no ámbito da arqueoloxía, mellorar a instalación existente adaptando o espazo ás necesidades actuais dos visitantes, aplicando os principios da accesibilidade universal e actualizando os contidos didácticos para facilitar a comprensión da realidade actual arqueolóxica de Ribeira proporcionando unha experiencia interactiva e enriquecedora na que se fomente o coñecemento da prehistoria e se promova a conservación e sostibilidade dos recursos arqueolóxicos”.

-Encontro de Embarcacións Tradicionais 2025
Na liña de promoción do turismo sostíbel, a Concellería de Turismo de Ribeira traballa arreo na organización do Encontro de Embarcacións Tradicionais 2025, un evento consolidado como a gran celebración da cultura marítima e fluvial de Galicia e, a maiores, a concentración de embarcacións tradicionais de maior dimensión e variedade tipolóxica da Península.
Esta cita acompáñase durante as catro xornadas programadas dun amplo programa de actos culturais e de lecer (conferencias, exposicións, presentación de publicacións, música, concertos, obradoiros, artesanía e outras mostras e actividades artísticas diversas) dirixidas a todo tipo de público asistente.
O Encontro achega o patrimonio marítimo ao gran público, implica á poboación e promove o asociacionismo cultural a prol do patrimonio, á vez que fomenta actividades de integración social, convivencia, divulgación, turismo sustentábel e outras.
A celebración en Ribeira deste importante evento é froito da decisión da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, que acordaron por unanimidade (na asemblea celebrada o sábado 9 de marzo) aprobar a candidatura presentada polo Concello de Ribeira e a Confraría da Dorna para ser sede do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre os días 17 e 20 de xullo de 2025.



