Juan Caballero (texto e fotos).– Un vento de compoñente norte, do 25 para ser máis exactos, con 8 nós na saída e máis de vinte ascendentes en Sálvora, agasallaron este sábado aos seareiros da vela un brillante día de regatas á vintena de veleiros rexistrados nesta XIII edición da Regata CONGALSA, a tradicional volta a Sálvora que organizou o Club Náutico Deportivo Ribeira (Club Náutico Deportivo Riveira) .

Con puntualidade, o oficial principal da cita deportiva, Miguel Cons, apertaba o botón da bucina, para dar a saída. Eran as dúas da tarde e o percorrido que elixira, en función do vento e a mar reinantes a esa hora fronte a Ribeira foi con bandeira “G” do numeral 5 que trazaba unha derrota de 17 millas náuticas desde a saída ata a chegada, pasando pola boia de desmarque e que se tomaba por estribor; illa de Rúa, por estribor; Sinal do Castro, por estribor; Sinal do Sargo, por babor; baliza posición 42.º 29.72N – 009° 01.85W, por babor; illa de Sálvora por babor; Pedra Pegar, por babor; illote de Airó, por babor; e chegada nas inmediacións do Club Náutico.
O barco máis veloz e o primeiro en entrar en tempo real en liña foi o Siradella, de Francisco Gude e César Álvarez. O representante do Real Club Náutico Portosín e vixente campión galego de ORC rexistraba un tempo de 2 horas 15 minutos e 46 segundos. Con todo, quedaba escaso en vantaxe cara ao Peperetes – Nortemar, de José Manuel Millán. O veleiro do Real Club de Regatas de Vilagarcía realizaba unha gran regata, entrando en tempo corrixido por encima do de Portosín, 1 minuto e tres segundos que lle daban a gloria, gañando a súa división dos Regata. Segundo era o Siradella. E terceiro o Moucho, de Daniel Ayaso, do Club Náutico e Deportivo de Ribeira.

En Cruceiro/Regata facíase co triunfo o Ziralla Primero, de Ramón Barreiro, do Ro Yacht Club. Segundo Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, do Club Náutico Arousa Norte. E terceiro o Piko Norte, de José Manuel Castro, do Club Náutico de Boiro.
Nos Cruceiro a Regata CONGALSA era para o Orlando, de Gerardo Sánchez, que navega baixo grímpola do Arousa Norte. E para o Náutico de Ribeira eran a prata e o bronce, sendo os seus propietarios Galopín, de Manuel Franco e Arosa VI, de José Luis Torres Colomer, respectivamente.
A entrega de premios celebrouse ás sete da tarde no restaurante do Náutico ribeirense, un acto presidido por José Luis Torres Colomer, acompañado da directora de Relacións Institucionais de CONGALSA, Isabel Cañas; o comodoro e membros da Xunta Directiva da entidade social e deportiva, José Luís Lomba, José Díaz e Ramón Doval, respectivamente, así como das presidentas de Cruz Vermella e Amas de Casa de Ribeira, Ángeles Cores e Puri Cores; e o xefe de Portos, Marcos Sampedro.




