O novo Auditorio de Ribeira acolleu este luns 15 de xullo unha xuntanza entre o alcalde Luís Pérez Barral e Victor Loira Calvar, vicepresidente da Asociación Socio Sanitaria Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII). A reunión encadrouse na iniciativa pioneira do Goberno local de apostar por equipamentos sanitarios que sexan accesíbeis para as persoas que sofren as ditas doenzas.

O vicepresidente manifestou que “estamos vendo os baños para ostomizados do Auditorio de Ribeira, a vantaxe que ten este baño e que non temos que agocharnos, e polo tanto a calidade de vida non nos mingua tanto”. Loira manifestou que “é un paso adiante moi importante” e expresou a súa confianza en que “pouco a pouco vaia habendo máis en Ribeira e na comarca”.
Dende a ASSEII traballan dende hai anos pola a inclusión e creación deste tipo de servizos.
Loira agradeceu a Luís Pérez as facilidades na inclusión destes baños.
Pola súa banda, Pérez Barral indicou que “estamos contentos de ter instalado estes baños adaptados para persoas con doenzas intestinais que portan unha bolsa especial. Grazas a eles poderán acudir aos eventos do auditorio de Ribeira de forma normalizada”. O rexedor manifestou a súa alegría por poder colaborar coa asociación e coas veciñas e veciños que no seu día contactaron para transmitirnos cal era a realidade da patoloxía: “Dende o Goberno atendemos esta demanda e integrámola no proxecto do auditorio, algo que non estaba contemplado”.
Desta forma dáse un paso máis en accesibilidade para as persoas ostomizadas nos edificios públicos de Ribeira e que paseniñamente iranse instalando en máis edificios públicos, segundo fixo saber o alcalde, que salientou que estes baños son de patente galega e deseñados e fabricados en Galicia, conxuntamente coa xente do ASSEII.
