Entran no campo de fútbol de Palmeira e causan danos por valor de 8.000 euros

11 Xullo 2024

O campo pertence á Sociedade Fillos de Palmeira e levaba un ano en desuso

Os que asaltaron o campo de fútbol de Ventín, en Ribeira, entraron sen forzar a porta. A Sociedade Fillos de Palmeira descubriu a desfeita cando, despois dunha tempada xogando fóra, volveron ao campo para ver de poñelo a punto.

“Chegamos e o primeiro que vemos son as portas abertas”, relata o presidente, Emilio Pérez. E ao entrar, as instalacións estaban inundadas: “Saía a auga a cachón, había dez centímetros de auga”, di Emilio. 

Pero o susto non quedou aí. Atoparon os vestiarios, os baños e as duchas completamente desfeitos. Rebentaran as pezas de louza, e arrincaran as tubaxes da auga. Hai danos no falso teito, que se desprendeu, e faltan ventás. O caso é que nun principio pensaron que fora por facer mal, porque non botaron nada en falta. 

“Non levaron nada”, explica o vicepresidente do club de fútbol Palmeira, David Fernández. “Revolveron todo buscando algo por aí – engade- pero non sei moi ben o que”. Pero agora, pasada a primeira impresión, empezan a ver que era iso que buscaban.

“Todo o que era metálico levárono, todo o que lles valeu” di Emilio Pérez. “Os lavabos rompéronos porque non lles saían as billas, e acababan antes co martelo”, explica. 

Xa interpuxeron denuncia, pero van ampliala con estes detalles, porque cren que entraron roubar chatarra. Calculan que os danos superan con moito o valor do botín e, despois do susto inicial, xa están decididos a reparalos.

“Non nos rendemos”, di David Fernández. “Sabemos que está moi difícil, pero imos tentar arranxar isto entre todos”. Xa se ofreceron os xogadores, que queren colaborar nas tarefas de limpeza e rehabilitación das instalacións.

A Sociedade Fillos de Palmeira calcula que precisarán cousa de 8.000 euros para reparar a desfeita. E queren xuntar algo máis para instalar un sistema de videovixilancia nas instalacións. Din que están nunha zona illada, e xa non é a primeira vez que lles entrar roubar. 

A meta que se poñen é arranxar o campo este verán e que o club Palmeira comece a tempada que vén de volta na casa.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...