A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido municipal de augas residuais na parroquia de Posmarcos, na Pobra do Caramiñal. O vertido foi detectado no transcurso dos labores rutineiros de control das redes municipais que realiza o ente autonómico. A orixe do aporte contaminante era unha rede de pluviais que acadaba a marxe esquerda dun rego que desemboca na ría de Arousa.
Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxeron a incidencia en coñecemento dos concellos titulares das instalacións para que adoptasen as medidas oportunas co fin de eliminar eses vertidos.
En inspeccións posteriores, o persoal de Augas de Galicia constatou que se levara a cabo a rectificación das cometidas erróneas dun grupo de vivendas da zona cara á rede de saneamento municipal, o que puxo fin ás achegas de caudais sen depurar.




