A música, o folclore, o circo, a danza, cabezudos, alboradas, así como os tradicionais espectáculos pirotécnicos e as atraccións da Alameda, entre outras moitas propostas, conformarán a programación as Festas do Apóstolo.

Pilar Lueiro, concelleira de festas presentou o plan para a festividade compostelá que arrancarán o 19 de xullo, co tradicional pregón a cargo dunha persoa vinculada a Compostela o nome da cal será anunciado este venres, e prolongaranse ata o 31 do mesmo mes.
Tratase dun programa de festas para «desfrute da xente mirando de xeito especial para a nosa veciñanza, as nosas festas son un escaparate dos e das nosas artistas, da produción propia».
A Praza da Quintana acollerá de novo os grandes concertos das Festas do Apóstolo. A programación comezará coa actuación de Dakidarría na noite do pregón. Outros artistas destacados serán Femi Kuti & The Positive Force (luns 22), Harlem Gospel Travelers (martes 23), Zenet (mércores 24), Maro (xoves 25), Mercedes Peón (luns 29), e o concerto Enredadas con Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Carmen París e Martirio (martes 30). Antònia Font pechará a serie de concertos o mércores 31.
Eventos tradicionais como o concerto da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Baldur Brönnimann, o venres 26, e o da Banda Municipal con Ana San Martín, o sábado 27, tamén terán lugar na Quintana. Ademais, a praza acollerá xornadas de folclore galego o sábado 20 e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 21.
No parque de Galeras celebraranse oito concertos, incluíndo actuacións de Lusardi e Boa Sunet (martes 23), C. Mirazo (mércores 24), Sr. Salvaje (xoves 25), Ailá (venres 26), Carolina Rubirosa (sábado 27), Malabesta (domingo 28), Capital Voskov (luns 29) e Apart (domingo 30). Tamén haberá teatro co grupo Chévere e o seu espectáculo ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’ (martes 30) e o circo con ‘Cigani 100%’ de Antón Coucheiro (mércores 31).
A praza de Mazarelos será escenario para Pío K Trio & Hyness (venres 26), Socorro Lira (sábado 27), e varias actuacións no concerto ‘Peregrinos Musicais’. O circo tamén estará presente con ‘Cualquier verdura’ da compañía Chimichurri (luns 22).
Como novidade, o Ensanche compostelán súmase ás festas coa celebración do ‘Santiago Gaming’ o sábado 20 na Praza Roxa, e o ‘SUF Santiago Urban Fest’, un festival de música urbana con 24 artistas emerxentes, o sábado 27 de xullo.
As festa contarán tamén cun espectáculo de drons no estadio Vero Boquete o sábado 20, e o espectáculo ‘Danza no Camiño’ na Praza de San Martiño Pinario o 19 de xullo. As actividades tradicionais do Apóstolo, como o Torneo de Chave, o Día de Padrón, a Festa do Escalo de Chaián, as orquestras, as atraccións na Alameda ata o 31 de xullo, as alboradas, a comparsa de cabezudos e os Fogos do Apóstolo nas noites do 24 e 31, tamén estarán presentes.
A Festa Pícara, dedicada á cativada, terá lugar no Parque Eugenio Granell o 23 de xullo con diversas actividades culturais e educativas, mentres que entre o 21 e o 30 de xullo, varios espazos da cidade acollerán o ciclo ‘Cinema Compostela’ con proxeccións de cine ao aire libre.
Haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, un na Alameda aberto todos os días do 19 ao 31 de xullo de 20:00 a 01:00 horas, e outro na Praza Roxa o 27 de xullo de 19:00 a 23:00 horas, ademais de persoas itinerantes que ofrecerán información nos concertos de Galeras.
Por outra banda, para promover a inclusión, as atraccións da Alameda terán un horario sen ruído os días 20, 27 e 30 de xullo de 17:00 a 19:00 horas, e solicitouse unha redución de decibelios no horario restante.



